HomeVigoMosA alcaldesa de Mos felicita á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil...

A alcaldesa de Mos felicita á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil pola Medalla de Prata ao Mérito da Protección Civil

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quixo trasladar publicamente a súa felicitación e recoñecemento á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, que vén de recibir a Medalla de Prata ao Mérito da Protección Civil, unha das máximas distincións outorgadas neste ámbito en Galicia.

O recoñecemento foi entregado nun acto celebrado na Estrada, no que foron distinguidas un total de 53 agrupacións de toda Galicia, poñendo en valor a súa dedicación, compromiso e vocación de servizo público.

A alcaldesa destacou “o traballo incansable, solidario e sempre discreto dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Mos, que están sempre dispoñibles cando a cidadanía máis os necesita, tanto no noso concello como fóra del”. Arévalo subliñou tamén que “este galardón é un orgullo para Mos e un xusto recoñecemento a anos de entrega e profesionalidade”.

A distinción recoñece especialmente a actuación da agrupación en situacións de emerxencia de grande complexidade, como a ola de incendios deste verán ou a colaboración nos labores de apoio tras a DINA rexistrada na Comunidade Valenciana. Neste operativo participaron cinco efectivos de Mos, tres pertencentes ao GES e dous voluntarios da Agrupación de Protección Civil.

A medalla foi recollida por Carlos Costas Rodríguez, recentemente nomeado presidente da agrupación de voluntarios e que desempeña as funcións de xefe do Servizo Municipal de Emerxencias e é ademais traballador municipal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).

Desde o Concello de Mos quérese agradecer e poñer en valor o labor exemplar de Protección Civil, un servizo esencial que contribúe de maneira decisiva á seguridade, á prevención e á resposta ante emerxencias, e que representa os valores de solidariedade e compromiso que definen ao municipio.

Publicacións Relacionadas