Os novos edís substitúen a Fran Leiro e Tamara Castro, tal e como se anunciou no seu momento, e reafirman o seu compromiso para “traballar en favor de que as necesidades e demandas da veciñanza de Sanxenxo sexan escoitadas e tidas en conta polo Goberno local
O actual responsable local do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo, Adrián González, e a compañeira Estrella Martínez xa forman parte da Corporación municipal. Ambos tomaron posesión como concelleiro e concelleira do Bloque no Pleno extraordinario convocado na mañá deste venres, 19 de decembro. Unha sesión na que se aprobou a derogación da actual ordenanza reguladora da taxa de recollida de lixo, así como a aprobación definitiva do novo regulamento de recollida, transporte e tratamentode residuos municipais. Esta nova regulación non entrará en vigor mentres non se aprobe o novo contrato, que os nacionalistas agardan que sirva para mellorar as carencias e deficiencias que padece o servizo en moitos puntos do municipio, especialmente nas zonas do rural.
Logo da súa toma de posesión, a nova concelleira e concelleiro do BNG reafirmaron o seu compromiso á hora de “traballar en favor de que as necesidades e demandas dos veciños e veciñas de Sanxenxo sexan escoitadas e tidas en conta polo Goberno loca”. Estrella Martínez e Adrián González substitúen na Corporación a Fran Leiro e Tamara Castro, que o pasado mes de novembro decidiron renunciar por motivos persoais e familiares.



