HomeDeputaciónsDeputación OurenseLuis Menor reivindica a cultura como “motor de identidade e cohesión social”...

Luis Menor reivindica a cultura como “motor de identidade e cohesión social” nos XIV Premios Rebulir

- Anuncio -spot_img

Ademáis de poñer en valor a cultura como “eixo vertebrador do territorio”, o presidente da Deputación reivindicou o compromiso constante da institución provincial coas iniciativas culturais “que fortalecen a nosa identidade e proxectan Ourense cara o exterior”

O presidente da Deputación de Ourense participou na gala de entrega dos Premios Rebulir da Cultura Galega, unha cita xa consolidada como referente na defensa e promoción da cultura galega desde o ámbito local e rural e que este ano premia a Malvela, Cristina Castaño e Luar, así como os emigrantes no País Vasco a través do premio “Rogelio García Yáñez”.

Durante a súa intervención, o presidente puxo en valor a cultura como eixo vertebrador do territorio, especialmente no rural ourensán, subliñando que “a cultura é identidade, memoria colectiva e tamén futuro”, e destacando a capacidade de iniciativas como Rebulir para dinamizar social e economicamente o territorio a través da creatividade, da lingua e das tradicións propias.

O presidente salientou o traballo da Asociación Cultural Rebulir, á que definiu como “un exemplo de compromiso, constancia e amor pola cultura galega”, agradecendo a súa traxectoria na organización dun certame que non só recoñece traxectorias e proxectos culturais, senón que tamén xera comunidade e orgullo de pertenza.

Así mesmo, reafirmou o compromiso da Deputación de Ourense coa cultura “feita dende abaixo”, lembrando o apoio da institución provincial a iniciativas culturais que nacen no territorio e que contribúen a fixar poboación, fortalecer a identidade e proxectar Ourense cara o exterior.

No transcurso do acto, o presidente felicitou ás persoas e entidades galardoadas nesta edición (Malvela, Cristina Castaño e Luar, así como os emigrantes en Euskadi), destacando a súa achega á cultura galega en ámbitos como a música, a investigación, a creación artística, a comunicación ou a preservación do patrimonio inmaterial.

“A cultura non entende de periferias cando hai talento, compromiso e institucións que acompañan”, sinalou, incidindo na importancia de seguir traballando de maneira conxunta entre administracións, tecido asociativo e creadores para garantir o relevo xeracional e a continuidade de proxectos culturais a longo prazo.

A gala dos Premios Rebulir volveu converter a Ramirás nun punto de encontro da cultura galega contemporánea, reafirmando o valor do rural como espazo vivo de creación e transmisión cultural.

Publicacións Relacionadas