— A campaña desenvolvese nas vindeiras xornadas en diferentes prazas de abastos, da Coruña: San Agustín, Monte Alto, Elviña, Conchiñas e Praza de Lugo
— Repartiranse máis de mil culleres de madeira cun código QR, que tamén estará dispoñible na entrada dos mercados municipais, a través do que se accede a unha páxina web con receitas de aproveitamento
A Xunta de Galicia avoga por un consumo sostible e responsable nestas datas de Nadal para contribuír á redución do desperdicio alimentario. Nese senso, a delegada da Xunta, Belén do Campo, participou hoxe na campaña “Nestas datas, que non sobren as sobras!”que se desenvolve estes días en diferentes mercados de abastos da Coruña: San Agustín, Monte Alto, Elviña, Conchiñas e Praza de Lugo.
Segundo explicou a delegada, esta iniciativa pretende concienciar as familias galegas sobre o impacto que supón o desperdicio alimentario; promover hábitos de compra consciente e responsable e poñer en valor os mercados municipais como espazo de consumo de produtos de proximidade de primeira calidade, entre outras cuestións.
En concreto, esta campaña consiste no reparto de máis de mil culleres de madeira cun código QR a través do que se accede a unha páxina web con receitas de aproveitamento. Este QR tamén estará á disposición da cidadanía nun cartel á entrada de cada mercado. Segundo dixo Belén do Campo, o obxectivo é dar receitas para aproveitar as sobras nestas datas recuperando os bos hábitos da cultura galega coa actualización de pratos tradicionais como poden ser os caldos ou as empanada. A finalidade da iniciativa é promover hábitos de compra responsable e poñer en valor os mercados como espazos de consumo de produtos de proximidade de primeira calidade
Así mesmo, Belén do Campo lembrou a importancia dunha boa planificación previa, utilizando por exemplo listas cos produtos necesarios e evitando compras impulsivas, para mercar só aquilo que sexa preciso en función do menú e do número de comensais.
Durante a súa intervención, fixo fincapé na importancia deste tipo de accións para contribuír á consolidación da redución do desperdicio alimentario. De feito, desde o ano 2020 estes residuos reducíronse en preto dun 20%.
Nesa liña, Belén do Campo indicou que o Goberno galego xa traballa na elaboración do Plan de acción galego contra o desperdicio alimentario, unha iniciativa pioneira cuxo obxectivo é reducir nun 50% o desperdicio na venda final aos consumidores.
Entre outros aspectos, este plan incluirá o desenvolvemento dun proxecto estatístico co IGE para medir e avaliar o desperdicio alimentario en Galicia, así como a promoción de acordos con concellos e entidades sociais para fomentar a doazón de alimentos.



