Veiras Manteiga inaugura a exposición “Obra recente: Contrastes + vieiros”, que poderá visitarse en Lousame ata o 28 de febreiro
“Hoxe podo anunciar que dende o Concello de Lousame estamos traballando e poñendo as primeiras pedras para conseguir un museo que recolla as obras de Veiras Manteiga e de Alfonso Costa, para que teñan o espazo que merecen e poidan ser desfrutadas por todos os veciños e veciñas”. Son palabras do alcalde de Lousame, Esteban Ares García, durante o acto de inauguración da exposición “Obra recente: Contrastes + vieiros”, do artista José Luís Veiras Manteiga.
Esta mostra, que poderá visitarse na sala municipal de exposicións da Casa da Cultura de Lousame ata o vindeiro 28 de febreiro, é a primeira que Veiras Manteiga realiza no municipio despois de ser nomeado fillo adoptivo o pasado mes de agosto. Esteban Ares destacou que esta exposición “é unha mostra do compromiso de Lousame coa cultura” e amosou o seu agradecemento ao artista por “seguir confiando en nós para expoñer a súa obra. Lousame sempre será a túa casa e agora temos o deber moral de converter a Lousame no fogar da túa arte”.
Pola súa banda, Veiras Manteiga agradeceu o compromiso feito público polo alcalde lousamiá, asegurando que tanto el coma Alfonso Costa estarán “sempre dispostos a axudar”. “Estou e estarei sempre dispoñible para expoñer en Lousame, tanto de xeito individual como en grupo”, quen aproveitou para “agradecer tamén o nomeamento de fillo adoptivo porque vivín en tantos sitios que nunca pensei que chegaría ser fillo adoptivo de ningures… Nin de Noia, nin de Abegondo, nin das Pontes…”.
Obra recente: Contrastes + vieiros
Sobre o que van atopar os veciños e veciñas que se acheguen a contemplar a mostra “Obra recente: Contrastes + vieiros”, Veiras explicou que “é unha exposición da miña obra recente, que xa se expuxo en Ribeira e en Francia pero non na comarca, ao que engadín os últimos cadros que fixen para cambiar un pouco. Son os vieiros, que xa se expuxeran aquí mesmo pero en papel”.
Nesta exposición, o artista residente en Camboño ofrece unha selección da súa obra máis recente nas que amosa unha temática inspirada en paisaxes, moitas delas con diferentes perspectivas, diferentes cores… De aí os diferentes contrastes que lle dan título á mostra.
Uns cadros dos que nos sorprende “a realidade. Sobre todo a beleza e a sorpresa ante esas novas realidades que non son simulacros mais tampouco son copias servís da realidade: a arte como outra realidade tan real como entendemos a realidade cotiá. Esta exposición logra unir a figuración, a abstracción, o lirismo, a forza da cor e a síntese. A abstracción lírica de Veiras Manteiga na destaca sobre todo a forza da cor, ao que hai que sumar a proximidade do material, inzando a obra dun aire moi poético”, segundo explicou o director do Museo de Artes do Gravado de Ribeira, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría.
“Obra recente: Contrastes + vieiros” consta dun total de 34 acrílicos sobre lenzos, algúns dos cales xa formaron parte doutras exposicións realizadas en Francia e no Museo das Artes do Gravado de Ribeira, mentres que media ducia conforman unha nova serie que non fora presentada con anterioridade. Poderá visitarse na sala de exposicións municipal da Casa da Cultura de Lousame ata o 28 de febreiro.
Ao acto de inauguración acudiron unha trintena de persoas, algo que agradeceu o artista dado o forte temporal que sufriu Lousame durante esta mañá. Entre as persoas presentes estaban a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo; o concelleiro de Seguridade Viaria, José Antonio Ces; e a concelleira de Cultura de Noia, Chelo Martínez, ademais de artistas, compañeiros e veciños de José Luís Veiras.



