No pleno municipal, a concelleira Celia García cuestionou unha nova ampliación do prazo mentres o proxecto arrastra anos de demora sen unha explicación clara.
No pasado pleno do 11 de decembro levouse a debate a terceira addenda ao convenio da obra de saneamento do río Lameira, que implicaría estender o prazo ata o 31 de decembro de 2027, é dicir, outros dous anos de prórroga sobre unha actuación que xa acumula retrasos significativos desde o seu inicio.
Durante a sesión, a concelleira Celia García trasladou a preocupación existente pola prolongación constante da obra e polo impacto que está a ter na veciñanza, lembrando que non se trata da primeira ampliación, senón da terceira, e que ao longo destes anos houbo continuos problemas internos na empresa adxudicataria, incluídos cambios de dirección e interrupcións que impediron manter o ritmo previsto.
Tamén se puxo de manifesto a escasa coherencia entre esta situación e a resposta enviada pola Xunta ao Deputado do BNG no Parlamento Galego, Paulo Ríos, onde se sostén que o proxecto avanza dentro dos prazos previstos e que os atrasos se explican polo mal tempo. Dende o grupo municipal consideramos que esta versión non se corresponde coa realidade dunha obra que precisa tres addendas consecutivas para seguir adiante.
A proposta aprobada en pleno inclúe, ademáis, unha ampliación económica e unha reprogramación anual que non recolle a previsión para 2027, malia que a nova addenda estende a vixencia do convenio ata esa data. Esta falta de concreción engade incerteza sobre a planificación do investimento e sobre o calendario final de execución.
O voto do BNG foi o da abstención, ao entender que a obra é necesaria e debe continuar, pero tamén resulta imprescindible reclamar máis rigor, planificación e transparencia nun proxecto que xa debera estar moito máis avanzado. A continuidade dos traballos hidráulicos e do tanque de tormentas segue xerando preocupación, tanto pola súa complexidade como polo tempo pendente para completalos.
Subliñamos a importancia de que se esclarezan os motivos reais dos atrasos e de que se dean explicacións claras á veciñanza, que leva anos soportando as consecuencias dunha intervención prolongada e chea de incertezas.
O BNG continuará estudando de preto a evolución dos traballos e esixindo responsabilidade política e técnica ata a súa finalización.



