HomePontevedraBarroA Deputación leva este martes a Cuntis e Barro o circuíto +Escénicas...

A Deputación leva este martes a Cuntis e Barro o circuíto +Escénicas con dous espectáculos para todos os públicos

- Anuncio -spot_img

“Superheroe”, de Fran Rei, representarase ás 17:30 horas na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, e “Molto barroco”, de Píscore, farao ás 20:00 horas no Pazo municipal de Barro

+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra leva este martes 23 de decembro o circuíto +Escénicas ao Concello de Cuntis coa obra “Superheroe”, a cargo do pallaso Fran Rei, e ao Concello de Barro co espectáculo “Molto barroco”, da man da compañía Píscore Teatro. Trátanse de dúas actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“Superheroe” representarase ás 17:30 horas na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, e trátase dunha peza teatral que bebe da influencia cinematográfica e do universo das e dos superheroes,  xunto coas experiencias persoais de Fran Rei arredor da paternidade. Deste xeito, Rei dálle vida a un superheroe que intenta compaxinar os coidados dos seus fillos coas fazañas que leva a cabo para salvar o mundo dos perigos aos que se enfronta.

Pola súa banda, “Molto barroco” terá lugar ás 20:00 horas no Pazo municipal de Barro, e fai un percorrido pola música barroca acompañado de escenas cómicas. O espectáculo está ambientado nunha corte real europea de mediados do século XVIII, habitada polo rei, a raíña, o bufón e un compositor que se reúne nunha pequena estancia con tres dos seus músicos para sacar adiante os encargos musicais do monarca.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas