- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita en Curtis esta firma, que provee de materiais a Copasa, encargada da construción da nova sede
- Destaca o traballo de empresas galegas para contribuír a este fito da I+G+i, unha evidencia máis da Galicia Calidade en sectores complementarios
- A Xunta avanza tamén na adquisición dos equipamentos de supercomputación, cuántica e almacenamento para a futura sede do Cesga no polígono da Sionlla
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a empresa Grupo Rodiñas, situada no concello de Curtis e encargada da elaboración das pezas prefabricadas de formigón do novo edificio do Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia). “Coñecer de primeira man o traballo das empresas galegas é moi interesante á hora de contar cos seus servizos nun proxecto que vai supoñer un fito da nosa I+G+i”, sinalou o titular de Ciencia da Xunta durante a visita ás instalacións a cargo de Daniel Hermosilla, CEO de Rodiñas.
Esta firma galega está a realizar a estrutura prefabricada de soporte de todo o edificio e os materiais para acometer o seu peche para proveer á empresa UTE Copasa-Dominion, adxudicataria da obra. Rodiñas elabora pezas de formigón en fábrica cun deseño acorde aos retos actuais, o que permite que a calidade destas sexa máis elevada que as elaboradas en obra directamente, así como que a montaxe no terreo sexa máis rápida.
Neste sentido, o representante do Goberno galego remarcou que é “un traballo con marca Galicia Calidade, pois un bo indicador para o conxunto de Galicia é que teñamos unha empresa deste nivel tecnolóxico e que é capaz de afrontar proxectos construtivos de alta calidade e de maneira moi áxil”. Román Rodríguez tamén puxo en valor o compromiso da Xunta coa I+G+i ao construír unha nova sede do Cesga cun investimento de 56 M€, financiado con fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do PERTE Chip, complementados con fondos propios. Esta nova sede, que busca posicionar a Galicia como un referente en tecnoloxías cuánticas, estase levantando no polígono da Sionlla de Santiago, localízase nunha parcela de máis de 9.100 m² dos que o edificio contará con 2.700 m² e os exteriores con 3.250 m².
Ademais, Román Rodríguez fixo fincapé no papel de empresas como Rodiñas que amosan o potencial de Galicia e a importancia de reforzar a I+G+i. “Como país, é moi positivo que teñamos firmas con capacidade de dar resposta aos desafíos do mercado actual e cun alto nivel de especialización e unha gran carga tecnolóxica”, engadiu.
Novas capacidades
A nova sede do Cesga, cuxa construción foi adxudicada por 13 M€, busca ser un referente en canto á súa funcionalidade e tamén a nivel estético, tendo en conta aspectos ambientais e de eficiencia enerxética. Para iso, instalarase un sistema de climatización óptimo e acorde coas características técnicas singulares do centro, instalacións fotovoltaicas e sistemas para a monitorización e vixilancia, entre outros.
Ademais, contará con diversos espazos como unha sala para aloxar supercomputadores, equipamento e almacenamento, diversos laboratorios e salas de experimentación, espazos para as reunións e recepción de visitantes ou almacéns, entre outras.
O proceso de construción avanza en paralelo á adquisición dos novos equipamentos tecnolóxicos dos que disporá o Cesga. Por unha banda, un novo computador cuántico, que vén de ser adxudicado a Telefónica por 9 M€ e que posibilitará novas capacidades para completar a oferta actual do centro. Por outro lado, o novo supercomputador Finisterrae IV, que proporcionará unha potencia adicional para cubrir necesidades de intelixencia artificial, e un sistema do almacenamento para albergar gran cantidade de datos de modo permanente. Estes dous últimos están actualmente en proceso de licitación coa previsión de ser adxudicados nas vindeiras semanas.



