HomeA CoruñaO Concello de Ribeira entrega os premios dos concursos de embelecemento de...

O Concello de Ribeira entrega os premios dos concursos de embelecemento de Nadal nas súas tres modalidades

- Anuncio -spot_img

 As vivendas, locais e comercios distinguidos recibiron cadansúa cesta

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto coas concelleiras Ana Barreiro e Carmen Pérez, de Cultura e Promoción Económica, respectivamente, participaron hoxe na entrega dos premios dunha nova edición dos concursos de embelecemento de Nadal nas súas tres modalidades.

Sampedro tivo palabras de agradecemento para tódolos participantes neste certame por “contribuír a engalanar todos xuntos Ribeira. Así, ao esforzo que fixemos dende o Concello súmase o de toda a cidadanía que decorou o exterior das súas casas, dos seus comercios e dos seus locais hostaleiros para que as nosas rúas luzan espléndidas nestas datas.” Deste xeito, a rexedora destacou o incremento da participación con relación á anterior convocatoria e as distintas técnicas de ornamentación. “Houbo quen optou pola tradicional decoración con luces, pero tamén quen lle deu unha segunda vida a elementos que xa non cumprían coa súa función habitual para convertelos en adornos cos que outorgar de espírito de Nadal aos seus fogares”, apuntou. Esta iniciativa tamén busca repercutir positivamente na economía local, polo que tódalas cestas que se entregaron como premio foron adquiridas no pequeno comercio local, tanto do centro urbano como das parroquias, de aí a heteroxeneidade de cada cesta, se ben todas elas atópanse conformadas por produtos típicos destas datas polo valor correspondente a cada categoría.

Na modalidade de fachadas, balcóns e xardíns houbo 9 distincións, unha por parroquia, con cestas por unha contía de 200 euros cada unha. Así, resultaron galardoadas as decoracións O Nadal en Laxes, en Carreira; La casa de las luces, en Olveira; Nadal feito á man, en Aguiño; Ledicia do Nadal, en Ribeira; Non hai Nadal sen Grinch, en Palmeira; A maxia do Nadal, en Artes; Villa Choupiña, en Corrubedo; Navidad en colores, en Castiñeiras; e Nadal de pedra e madeira, en Oleiros.

Tamén se recoñeceu a ornamentación dos locais hostaleiros: Cervecería Morrison, levou o primeiro premio coa súa correspondente cesta por importe de 250 euros; mentres que o segundo foi para O Tear, por valor de 160 euros.

En canto aos comercios, o primeiro posto levouno Teresa Arreglos de Confección, cunha cesta tamén valorada en 250 euros; e, en segundo lugar quedou Carnicería A de Juana, cun importe de 160 euros.

A decoración deberá estar exposta dende o 17 de decembro de 2025 ata o 6 de xaneiro de 2026, ámbalas dúas datas incluídas.

Publicacións Relacionadas