A fronte nacionalista rexistra iniciativas no Parlamento galego diante dos problemas de humidades e filtracións e alerta de desprendementos nunha cuberta con amianto
Alexandra Fernández: “A Consellaría realizou unha inspección e redactou un proxecto de reforma en xuño de 2024 pero non se avanzou nada na licitación das obras”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) urxe á Xunta de Galiza executar o arranxo das “graves deficiencias” no CEIP Plurilingüe da Carrasqueira de Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego diante dos problemas de humidades e filtracións e alerta de desprendementos dende hai un ano nunha cuberta que contén amianto nunha das edificacións.
Así o denunciou a deputada do BNG, Alexandra Fernández, após realizar unha visita ao centro na que mantivo unha xuntanza coa dirección do centro, que leva dous anos denunciando estes problemas sen que o Goberno galego actúe. En xuño de 2024, a Consellaría de Educación realizou unha inspección que derivou na redacción dun proxecto para a súa reforma “pero non se avanzou na licitación das obras”.
Durante este inverno, lamentou Fernández, a situación agravouse sen que a Xunta adoptase ningunha medida para solucionar os problemas a pesar dos avisos por parte da dirección. A deputada nacionalista lembrou que este centro ten unha antigüidade próxima aos 50 anos durante os que non se renovaron as instalacións para evitar o seu deterioro, ao tempo que se converteu nun referente polas súas iniciativas en innovación pedagóxica.
“É intolerábel que a Xunta, sendo coñecedora da presenza de amianto e das graves deficiencias que arrastra o CEIP Carrasqueira, non teña feito nada durante este tempo”, criticou Fernández, advertindo da ameaza para a súa saúde e seguridade do alumnado.
Presenza de amianto
A deputada do BNG asegurou que a Consellaría constatou a presenza de amianto na antiga casa do conserxe, unha edificación anexa da que non poden facer uso no interior nin tampouco no exterior, onde se facían actividades de horta, polos desprendementos rexistrados. Aliás, esixiu verificar que outras instalacións como as cubertas dos patios exteriores e o ximnasio non conteñen este perigoso material.
Outros dos problemas están na zona de acceso do centro, onde hai filtracións de auga por unha fenda de gran tamaño, na fachada pola falla de impermeabilización, con canalizacións de pluviais danadas que verten por fóra e o pavimento en mal estado. Diante destas importantes eivas, dende o BNG reclaman corrixir canto antes estas deficiencias e garantir unha accesibilidade segura ao centro.



