HomePontevedraO PP de Pontevedra esixe a Lores un reforzo orzamentario en seguridade...

O PP de Pontevedra esixe a Lores un reforzo orzamentario en seguridade cidadá e servizos sociais para 2026

- Anuncio -spot_img

• Domínguez, tras a primeira toma de contacto co concelleiro de Economía e Facenda do BNG: “Todo apunta a que os orzamentos municipais de 2026 serán continuistas e afastados das prioridades do Partido Popular, centradas en reforzar os servizos sociais, garantir a convivencia cidadá, apostar pola vivenda, o deporte local e os barrios e as parroquias”

• O líder da oposición aínda non recibiu ningún documento que permita analizar as contas municipais que o BNG pretende aprobar no primeiro trimestre do ano

O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, mantivo esta semana unha reunión de traballo co concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, na que o Goberno local trasladou de forma verbal as liñas xerais do borrador de orzamentos municipais para o ano 2026.

O líder do PP cualificou o encontro de cordial, aínda que lamentou que non recibise aínda ningún documento que permita analizar as contas municipais que se pretenden aprobar para o próximo exercicio. “Seguimos á espera de coñecer os orzamentos en detalle, algo imprescindible para poder valorar con seriedade as prioridades reais do BNG”, afirmou días despois de reprochar ao alcalde da cidade, #Miguel Anxo Fernández Lores, que empece o 2026 cos orzamentos municipais sen aprobar, a diferenza dos gobernos populares da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

Domínguez expresou a súa preocupación polo escaso investimento dos últimos anos en servizos sociais, unha área que considera claramente “infradotada” e que non responde as necesidades actuais da capital de provincia. “Pontevedra ten problemas evidentes de convivencia e de atención social que requiren máis recursos, máis persoal e unha implicación directa e urxente do Concello”, insistiu.

Tamén demandou un reforzo orzamentario en materia de seguridade cidadá, con máis medios para a Policía Local e o Parque Municipal de Bombeiros, así como unha mellora das condicións laborais a través dunha negociación colectiva que o BNG se nega a acometer.

O líder da oposición asegurou que “todo apunta a que os orzamentos municipais de 2026 serán continuistas e afastados das prioridades que defende o Partido Popular, centradas en reforzar os servizos sociais, garantir a convivencia cidadá, apostar pola vivenda pública, o deporte local e os barrios e parroquias de todo o termo municipal”.

“Tememos que o BNG volva desaproveitar a oportunidade de adaptar os orzamentos á realidade social de Pontevedra. Cando teñamos a documentación, analizaremos as contas en profundidade e presentaremos propostas que poñan ás persoas e aos servizos básicos no centro da acción municipal”, concluíu.

Publicacións Relacionadas