Realizou un percorrido en moto con sidecar pola vila antes de reunirse cos nenos na Praza O Recreo.
A Laracha vive hoxe, na véspera da Noiteboa, unha xornada festiva chea de ilusión e ambiente familiar coa visita de Papá Noel.
Pola mañá fixo un percorrido en moto con sidecar pola capital municipal -incluíndo unha parada xunto á escola infantil “A Galiña Azul” para saudar aos nenos usuarios dese servizo-, o que lle permitiu deixar aparcados os seus trineos durante unhas horas e o descanso dos renos na xornada previa á noite na que pasa por todas as vivendas para enchelas de agasallos e ilusión.
Xa no poboado da Praza O Recreo, Papá Noel estivo recibindo aos nenos durante toda a mañá para saudalos, coñecelos e recibir as cartas coas súas peticións. Pola tarde tamén estará no mesmo lugar entre as 17:00 e as 20:30 h.
Esta actividade forma parte da programación de Nadal do Concello. Todas as propostas procuran fomentar a participación, a convivencia e o desfrute das datas festivas entre a veciñanza.



