HomeVigoMos“Magos e Estrelas” volve encher de ilusión e solidariedade o Nadal en...

“Magos e Estrelas” volve encher de ilusión e solidariedade o Nadal en Mos

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos, a través de Mos Axuda, e en colaboración con EVD Galicia, impulsa un ano máis a iniciativa solidaria “Magos e Estrelas”, un programa que ten como obxectivo levar ilusión, agarimo e compañía a persoas en situación de vulnerabilidade durante as festas do Nadal.

Esta acción solidaria fai un chamamento á participación da veciñanza como Magos, persoas voluntarias que queiran contribuír a facer máis especiais estas datas para as Estrelas:

                •             Nenos e nenas de entre 0 e 17 anos en situación vulnerable, aos que se lles fará chegar un agasallo cargado de ilusión.

                •             Persoas maiores que poden pasar o Nadal en soidade, ás que se lles fará chegar unha felicitación de Nadal escrita con agarimo e proximidade.

Unha vez formalizada a inscrición, cada persoa participante recibirá a asignación da súa Estrela, así como a información dos Puntos Máxicos, espazos habilitados para depositar os agasallos ou as cartas e garantir así que cheguen a tempo aos seus destinatarios.

Desde o Concello de Mos destacan a importancia deste tipo de iniciativas, que reforzan os valores da solidariedade, da empatía e do compromiso social, especialmente nunhas datas tan sinaladas como o Nadal, e animan á cidadanía a participar activamente.

As persoas interesadas en formar parte desta cadea solidaria poden inscribirse a través do seguinte formulario:

https://forms.gle/WY1SQsFGBndMRDMd7

Como funciona Magos e Estrelas?

– Regalo de Reis Magos

As persoas participantes poden converterse en Magos para que unha Estrela —nenos e nenas de entre 0 e 17 anos— reciba un agasallo o Día de Reis.

O proceso é sinxelo: cómpre cubrir o formulario de inscrición, converténdose automaticamente en Mago; nos días seguintes, a persoa voluntaria recibirá por correo electrónico a carta da Estrela asignada. O orzamento do agasallo sitúase entre 25 e 40 euros. Unha vez preparado, o agasallo deberá entregarse nun Punto Máxico (EVD Galicia Mos, EVD Galicia Crecente ou entidades colaboradoras).

Desde a organización encárganse de que o 6 de xaneiro cada Estrela reciba o seu agasallo e poida vivir un Día de Reis cheo de ilusión.

-Felicitación polas festas

A segunda modalidade está dirixida a acompañar a persoas maiores en situación de soidade, facendo que reciban unha felicitación de Nadal cargada de afecto.

Neste caso: tras cubrir o formulario, a persoa voluntaria converterase en Mago; recibirá o nome da súa Estrela e, sempre respectando a súa privacidade, unha breve descrición.

A felicitación poderá enviarse por correo postal ou entregarse nun Punto Máxico (EVD Galicia Mos ou EVD Galicia Crecente; proximamente anunciaranse novos puntos na Cañiza, Arbo, Vigo e arredores).

O Concello de Mos, Mos Axuda e EVD Galicia agradecen a implicación de todas as persoas voluntarias que fan posible que a maxia do Nadal chegue a quen máis o precisa.

Publicacións Relacionadas