— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou hoxe por videoconferencia no pleno da Conferencia Sectorial da Administración de Xustiza, onde lembrou que o Goberno galego xa rematou o proceso de acoplamento de persoal e xa se está a organizar a súa reubicación
—Tamén se está a colocar a sinalética e as adaptacións tecnolóxicas están previstas para comezar a funcionar a partir do 31 de decembro
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto co director xeral de Xustiza, José Tronchoni, na reunión do pleno da Conferencia Sectorial da Administración de Xustiza, celebrada de xeito telemático e presidida polo ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños.
O principal punto da orde do día do encontro foi a valoración da terceira e última fase da implantación da Lei estatal de Eficiencia Xudicial, cuxo prazo remata este 31 de decembro, se ben na reunión de hoxe Asturias pediu a moratoria para o 15 de febreiro. Ademais, algunhas comunidades solicitaron unha entrada en funcionamento gradual ata o 31 de marzo para poder culminar o proceso nalgúns partidos xudiciais, polo que será unha posibilidade a ter en conta tamén na implantación en Galicia.
No caso da comunidade galega, pese a que se trata dunha norma imposta polo Goberno central e sen dotación orzamentaria, a Xunta cumpriu en tempo e forma, coa posta en marcha o pasado 1 de xullo da nova oficina xudicial en 38 dos 45 partidos xudiciais da comunidade, e o 31 de decembro rematará a fase III correspondente á adaptación dos restantes partidos das sete grandes cidades.
Cómpre lembrar que esta adaptación supuxo a aplicación concreta dos modelos de referencia das oficinas xudiciais, o seu regulamento e protocolos locais de actuación; a elaboración e aprobación das relacións de postos de traballo en consenso coas organizacións sindicais, ademais da asignación de persoal aos postos de traballo correspondentes á nova organización; así como a adecuación das instalacións e a dotación de aplicacións informáticas, ou a reconversión dos 268 xulgados de paz en Oficinas de Xustiza do Municipio. Tamén relacionado con isto a implantación da nova oficina xudicial condiciona a creación das novas prazas das seccións de Violencia sobre a Muller e afecta ademais ás prazas de Fiscalía, de aí que hoxe mesmo se publique no Diario Oficial de Galicia, a modificación da relación de postos de traballo das oficinas fiscais da Administración de xustiza en Galicia.
A adaptación á norma estatal tamén implicou o acondicionamento dos arquivos físicos e virtuais de expedientes e a execución de plans de comunicación e información ás partes interesadas. Ademais, informouse dos cambios organizativos aos distintos profesionais relacionados coa Administración de Xustiza en Galicia e ás entidades locais, a través de diversas xornadas divulgativas, ás que se suman sesións formativas e acompañamentos presenciais para facilitar o manexo das novas ferramentas tecnolóxicas.
No que se refire á posta en marcha da terceira fase, o conselleiro explicou que xa rematou o proceso de acoplamento do persoal, xa se está a organizar a reubicación do persoal e aprobouse o incremento do complemento específico negociado coas organización sindicais. Tamén se está a colocar a sinalética exterior para tela rematada o 31 de decembro e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) tamén ten prevista esa data para as adaptacións tecnolóxicas necesarias para a nova estrutura.
Diego Calvo sinalou Goberno galego xa expresou en diversas ocasións que a Lei estatal de eficiencia xudicial non viña acompañada da transferencia orzamentaria necesaria por parte do Goberno central, polo que lamentou que as novas normativas estatais non se doten dos orzamentos necesarios, cargando o custo de reformas coma estas nas comunidades. Neste caso, aos máis de 7,5 millóns cos que mellorar as condicións laborais dos profesionais de Xustiza, a Administración autonómica estima un custo de 3,3 millóns de euros para a dixitalización das oficinas, dos que a Galicia se transferiron máis de 1,1 millóns de fondos europeos.



