HomePontevedraBaixo MiñoO PP do Rosal acusa ao goberno de “maquillar” os Orzamentos 2026...

O PP do Rosal acusa ao goberno de “maquillar” os Orzamentos 2026 co Plan Extra da Deputación para agochar un recurte de 500.000 euros para servizos municipais

- Anuncio -spot_img

● Os populares califican de “incomprensible” que o funcionamento do Concello vai dispoñer dun 8% menos de fondos que o ano pasado nun contexto de elevada inflación, “o que nos vai levar a que haxa menos obras, menos servizos e menos atención aos veciños”


● O voceiro, Carlos Rodríguez, critica a xestión económica tras o requerimento do Ministerio de Hacienda do desfase orzamentario que vai esixir dun plan de axuste e destaca que O Rosal “está a ser rescatado da Xunta e da Deputación da nada máis absoluta”

O grupo municipal do PP do Rosal vén de acusar ao goberno bipartito liderado polo BNG de “maquillar” os Orzamentos 2026, que foron aprobados onte en pleno malia o voto contrario dos populares, posto que o executivo decidíu incluír nos mesmos o Plan Extra da Deputación para agochar a forte diminución das contas e que se produce un recurte de 500.000 euros para servizos e o funcionamento do Concello con respecto ao ano anterior.

O voceiro popular, Carlos Rodríguez, explicou que os Orzamentos 2026 están “moi claros” e o goberno local detectou que quedaban en 5,5 millóns de euros fronte aos 6,05 millóns do presente exercicio, “polo que decidíu incluír arbitrariamente os 700.000 euros do Plan Extra para disimular e tapar a súa moi mala xestión económico e que non se detectase o afundimento da economía municipal”.

Pero a realidade, segundo o concelleiro do PP, é que o Concello vai ter que funcionar no próximo ano con 500.000 euros menos que no actual, o que supón un retroceso do 8% nun contexto de forte inflación. “É totalmente incomprensible que, nun momento no que todo sube moito, e tamén por suposto as obras, as subministracións e os servizos do Concello, O Rosal vai dispoñer de moitos menos cartos que no presente ano malia que a Xunta e o Goberno de España aumentan as súas transferencias e isto vainos levar a que haxa menos actuacións, menos servizos e menos atención aos veciños”, apostillou.

O edil popular engadíu que as contas son “máis propias dunha xestoría que dun Concello que ten liderar, apoiar e acompañar aos veciños e aos axentes socioeconómicos nunha senda de progreso e desenvolvemento”, xa que todas as cifras están estancadas e demostran que estamos “ante un goberno totalmente desgastado e esgotado”.

Neste senso, Carlos Rodríguez que esta forte diminución nos recursos municipais para o funcionamento ordinario son consecuencia da “moi mala xestión económica tan propia do BNG”, posto que lembrou que O Rosal é un dos oito concellos da provincia que foron requeridos polo Ministerio de Hacienda por mor do seu desfase orzamentario ao ter máis gastos que ingresos e deberá afrontar un plan de axuste que, loxicamente, tamén prexudicará a atención aos veciños.

Finalmente, o voceiro do PP tamén destacou que a Xunta e a Deputación “son as administracións que están a rescatar a O Rosal da nada máis absoluta”, posto que todos os investimentos previstos para 2026 van ser financiados coas suas achegas. “Temos un goberno que xestiona de tal maneira que non é quen de poñer un só euro para as actuacións que precisan os veciños”, concluíu.

Publicacións Relacionadas