- Os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística confirman un incremento do 4,9% nos ingresos do sector nos once primeiros meses deste ano
- Só no mes de novembro de 2025, os establecementos hoteleiros galegos recibiron 286.834 persoas, que realizaron 539.347 noites
O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de facer públicos este martes os datos relativos á enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega que indican que nos once primeiros meses do ano, o sector obtivo uns ingresos totais nominais de 431M€, acadando un incremento do 4,9% con respecto ao mesmo período de 2024.
Só no mes de novembro o sector hoteleiro ingresou 23 M€, unha cifra que a grandes trazos se mantén estable en relación ao dato de 2024, medrando o 0,4%, e acadando unhas contas que superan tamén toda a serie anterior a 2024 e situándose como a cifra máis alta da serie histórica en canto a ingresos hoteleiros.
O INE informa tamén que no mes de novembro se aloxaron nos hoteis e pensións galegas 286.834 persoas que fixeron 539.347 noites. O nivel de noites deste ano mantense por riba de toda a serie anterior a 2024, superando por segundo ano consecutivo as 530.000 noites.
Neste sentido, cos datos actuais e a falta de contar cos datos de turismo rural, albergues e cámpings de novembro que se farán públicos proximamente, no acumulado entre xaneiro e novembro, Galicia rexistra 6,9 millóns de viaxeiros aloxados (+2,4%) que fixeron 12,9 millóns de noites (+1,8%).
As cifras do sector hoteleiro para o mes de novembro revelan que 80% das noites hoteleiras corresponden ao turismo de ámbito nacional, segmento no que ten un maior peso o receptor -españois que proceden doutras comunidades autónomas pois representan o 48% do total-. O mercado interno, dos residentes en Galicia, absorbe o 32%. O mercado internacional supón o 20% das noites nos establecementos galegos.
Co 43% das noites hoteleiras A Coruña lidera en novembro, por terceiro mes consecutivo, o mercado turístico hoteleiro, seguida de Pontevedra, co 34%, por diante de Lugo e Ourense, co 13% e 10% do total, respectivamente.



