HomePontevedraA LamaO alcalde da Lama presenta un novo número da revista "A Pedreira"...

O alcalde da Lama presenta un novo número da revista “A Pedreira” que volve saír despois do parón sofrido a raíz da pandemia da covid-19

- Anuncio -spot_img

Participan con artigos sobre a cultura e a etnografía da Lama colaboradores como José Benito García Iglesias, Maximino Fernández Sendín, Manuel Suárez Amoedo, Daniel Vidal, Henrique Silva, Asoc. Cooperativa Árbore, Manuel Boullosa e Antón Xil.

O Salón de Plenos do Concello da Lama acolleu a presentación oficial do número 18 da revista A Pedreira, unha publicación de referencia no ámbito cultural, etnográfico e social do municipio. A revista está coordinada desde a Biblioteca Municipal e a OMIX do Concello da Lama e contou, unha vez máis, coa colaboración económica da Xunta de Galicia para a súa edición, a través da Secretaría Xeral da Lingua.

O acto estivo presidido polo alcalde da Lama, David Carrera, acompañado polo tenente de alcalde, José Fortes, e polo concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya. Xunto a eles, participaron numerosos colaboradores e colaboradoras desta nova entrega da revista, que quixeron arroupar unha publicación xa consolidada e moi valorada pola veciñanza.

Entre os asistentes atopábanse autores e participantes como José Benito García Iglesias, Lourdes Sieiro González, Isabel Suárez Tarrazo, Maximino Fernández Sendín, Manuel Suárez Amoedo, Henrique Silva, Elena Taboada (Sociedade Cooperativa Árbore), Domingos Rumbo, Daniel Vidal, entre outros, que contribuíron cos seus traballos a enriquecer o contido desta edición.

O coordinador da revista, Antón Xil, tomou a palabra para agradecer expresamente “a implicación, a xenerosidade e o rigor de todas e cada unha das persoas que colaboran en A Pedreira, facendo posible unha publicación colectiva que é xa patrimonio cultural da Lama”. Xil destacou que a revista “nace co obxectivo de poñer en valor a nosa historia, a nosa identidade e o noso territorio, servindo como ferramenta de divulgación cultural, etnográfica e tamén turística”. Segundo explicou, A Pedreira “mira ao pasado para entender mellor o presente e para proxectar o futuro dun concello con moito que contar”.

Neste número 18, a revista recolle unha ampla variedade de artigos e investigacións de grande interese, entre os que destacan os dedicados ao centenario da Casa Consistorial da Lama, os antigos salóns de baile do municipio, a autoría do escultor Pepe da Pena (autor, entre outras obras, do Cruceiro de Hío e da cúpula da capela das Ermidas), así como traballos sobre o Entroido tradicional, as figuras do Cascarrabias e Dona Coresma, ou sobre Wenceslao Barreiro e Claudio Vilanova, pioneiros da radio e da televisión en Galicia. Ademais, a publicación conta con debuxos da pintora e ilustradora Irma Loureiro Neira.

A publicación complétase con artigos sobre iniciativas e elementos patrimoniais como Villa Boutique 1880, a restauración da Ponte Anceu, a Casa da Sociedade do Pelete ou seccións de memoria colectiva como A miña aldea, estampas dun tempo, que contribúen a reconstruír a historia social e humana da Lama.

Pola súa banda, o alcalde da Lama, David Carrera, felicitou publicamente a Antón Xil polo “excelente traballo de coordinación e dinamización cultural que vén desenvolvendo ao longo dos anos” e fixo extensivo o seu recoñecemento a todas as persoas participantes nesta “obra coral de divulgación cultural”. O rexedor salientou que A Pedreira “é un exemplo de como a colaboración entre institucións e cidadanía dá lugar a proxectos de grande valor para o concello, fortalecendo o sentimento de pertenza e o orgullo polo noso patrimonio”.

David Carrera subliñou tamén o compromiso do Concello da Lama coa cultura e coa lingua galega, destacando o apoio recibido da Xunta de Galicia para facer posible esta nova edición e reafirmando a vontade municipal de seguir impulsando iniciativas que dean visibilidade á historia, ás tradicións e á creatividade local.

Tal e como se anunciou durante a presentación, a revista A Pedreira número 18 será repartida de maneira gratuíta entre a veciñanza e poderá retirarse tanto na Biblioteca Municipal como nas oficinas municipais, facilitando así o acceso de toda a cidadanía a esta publicación de carácter divulgativo e cultural.

Publicacións Relacionadas