- Ángeles Vázquez explica que se trata da segunda convocatoria das axudas dirixidas a apoiar os concellos na posta en marcha en espazos urbanos e periurbanos de intervencións baseadas na natureza e no aproveitamento dos seus recursos para prever e adaptarse ao cambio climático
- Salienta que un concello podería obter ata 180.000 euros de financiamento en caso de presentar tres proxectos e obter a máxima contía subvencionable
- Pon en valor que na primeira convocatoria destas axudas concedéronse 42 achegas a 35 concellos por un importe global de 2 millóns de euros
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a comezos de 2026 a Xunta de Galicia convocará unha orde de axudas que financiará con ata 60.000 euros proxectos municipais destinados a identificar e crear refuxios climáticos.
Segundo dixo a conselleira en Guitiriz, trátase da segunda convocatoria das axudas dirixidas a apoiar os concellos na posta en marcha en espazos urbanos e periurbanos de intervencións baseadas na natureza e no aproveitamento dos seus recursos para prever e adaptarse ao cambio climático, que conta cun orzamento inicial estimado que rolda os 2 millóns euros.
O obxectivo é incrementar a biodiversidade deste tipo de zonas, mellorar a súa conservación, favorecer a adaptación ao cambio climático, mellorar a calidade ambiental e crear espazos máis saudables. E, por outra banda, colaborar cos concellos nas accións para localizar e habilitar refuxios climáticos que, como explicou a conselleira, son aqueles espazos con condicións ambientais favorables e cunha relativa estabilidade que os fan idóneos para combater as altas temperaturas.
En concreto, Ángeles Vázquez explicou que esta axuda cubrirá o 80% dos custos dos proxectos presentados de forma individual por calquera concello cun límite de 60.000 euros por proxecto e un máximo de tres solicitudes por cada entidade local. Polo tanto, segundo salientou Ángeles Vázquez, un concello podería obter ata 180.000 euros de financiamento en caso de presentar tres proxectos e obter a máxima contía subvencionable.
Logo de indicar que as actuacións subvencionadas poderán executarse ata o 30 de novembro do vindeiro ano e xustificarse ata o 9 de decembro de 2026, a conselleira puxo en valor a boa acollida que tiveron estas axudas na súa primeira convocatoria. En total, concedéronse 42 achegas a 35 concellos por un importe global de 2 millóns de euros.
De feito, a actuación que visitou hoxe a conselleira en Guitiriz recibiu unha axuda de máis de 31.000 euros nesa primeira convocatoria. Trátase da reparación de cinco pontellas de madeira na Ruta da auga para mellorar a conectividade e seguridade deste percorrido de sendeirismo de 20 quilómetros de lonxitude que une a ponte de San Alberto coa carballeira de Pardiñas, ao carón dos ríos Parga e Ladroil.
Con esta liña de axudas, o Goberno galego consolida a súa aposta por converter os concellos en lugares máis verdes, adaptados ao cambio climático e cunha mellor calidade de vida, consolidando a Comunidade como refuxio climático.



