HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López presenta a terceira edición da academia +Talento Motor que abre...

Luis López presenta a terceira edición da academia +Talento Motor que abre as portas do campionato galego de rallys aos pilotos máis prometedores da provincia

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, xunto coa vicepresidenta Luisa Sánchez, informa da apertura do prazo de presentación de solicutudes para participar nas probas de selección que terán lugar o vindeiro 18 de xaneiro no circuíto de A Madalena en Forcerei

“Damos proxección ao motor, oportunidades ao talento mozo e compromiso co medio ambiente cun coche ecolóxico”, resume López o sentido deste programa

A vicepresidenta salienta o apoio da Deputación aos deportistas máis novos: “É unha satisfacción acompañarvos en todo o camiño e animo aos mozos a que se inscriban para participar no +Talento Motor e cumpran os seus soños”, afirma Luisa Sánchez

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a vicepresidenta Luisa Sánchez presentan a terceira edición do programa +Talento Motor, a academia de pilotos da que sairá o condutor do coche patrocinado pola Deputación que participará no 2026 na Copa Dacia Sandero, a categoría ecolóxica, do Campionato Galego de Rallys. Na sede do organismo provincial en Vigo, López informou da apertura este martes do prazo de presentación de solicitudes para participar nas probas de selección que terán lugar o vindeiro 18 de xaneiro no circuíto de A Madalena en Forcarei. “O motor ruxe con máis forza ca nunca na provincia do deporte”, afirmou o mandatario provincial.

Acompañado polo presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, representantes da escudaría AMF Motorsport e polo gañador da primeira edición do programa, Yago Martínez e a directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda; o presidente Luis López destacou que o +Talento Motor vai máis aló da participación no campionato de rallys de Galicia. “Demostramos a nosa aposta polo mundo do motor da man da Federación e da Escudaría AMF Motorsport, que nos presentaron un proxecto, levámolo adiante e os froitos xa se están a ver. Ademais, estamos a darlle proxección ao motor, damos oportunidades ao talento mozo e demostramos o compromiso coa sustentabilidade e o medio ambiente cun coche que é propulsado por GLP”, explicou o dirixente.

A vicepresidenta Luisa Sánchez, pola súa banda, puxo o foco na “oportunidade” que supón este programa para os amantes do automobilismo ao “abrir as portas” dunha competición de ámbito autonómico e que permite “descubrir o talento novo”. Neste sentido, a tamén deputada de deportes da Deputación salientou o “acompañamento” que o ente provincial ofrece aos deportistas das categorías de base de todas as disciplinas a través dun novidoso proxecto como é O Noso Club, unha canteira de canteiras que fai que a Deputación estea presente en todas as disciplinas deportivas apoiando aos deportistas desde as categorías máis temperás. “O mellor exemplo é Yago, que puxo o listón moi alto. É unha satisfacción acompañarvos en todo o camiño e animo aos mozos e mozas a que se inscriban para participar no +Talento Motor e cumpran os seus soños”, concluíu Sánchez.

O apoio da Deputación ao deporte non se limita unicamente a esta iniciativa relacionada co automobilismo. O vindeiro ano, a partida orzamentaria destinada ao servizo de Deportes aumentará nun 30 % para superar os 8M€, uns fondos cos que a Deputación reforzará a colaboración co tecido deportivo de toda a provincia con iniciativas como O Noso Club, a mellora de instalacións, a adquisición de vehículos ou as axudas para deportistas e participación en competicións.

Publicacións Relacionadas