- Lembra que a Xunta está facendo un esforzo transversal para apoiar aos produtores de viño galegos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o potencial do sector vitivinícola galego e reivindicouno como un dos mellores representantes da marca Galicia Calidade.
Así o sinalou durante a súa participación no acto de conmemoración do 40 aniversario das bodegas Martín Códax, no que ademais foi nomeado amigo de honra da cooperativa e no cal estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
Durante a súa intervención, o titular do executivo autonómico destacou a traxectoria destas bodegas, que durante estas catro décadas apostaron pola profesionalización, a diversificación e por medrar dentro e fóra da denominación de orixe Rías Baixas.
Ademais, puxo en valor a aposta transversal que está facendo a Xunta para impulsar o sector do viño. Así, entre outras medidas, en 2026 os orzamentos destinarán 12 millóns de euros a liñas de axudas destinadas a financiar a reestruturación e reconversión de viñedo, a promoción internacional, ou a elaboración e comercialización.
Ademais destes apoios, os produtos tamén se promocionan a través do Plan Saborea Calidade Diferenciada, dotado con 10M€; e foméntase o turismo enogastronómico grazas ao Plan de Sostibilidade Turística, que conta con 34,5 M€, cofinanciados pola Unión Europea a través dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation.



