HomePontevedraCaldasO alcalde de Catoira mantén o bloqueo informativo malia o requerimento oficial...

O alcalde de Catoira mantén o bloqueo informativo malia o requerimento oficial da Valedora do Pobo

- Anuncio -spot_img

Catorce solicitudes do grupo socialista seguen sen resposta pese á obrigación do goberno local de entregar a documentación

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Catoira trasladará novamente á Valedora do Pobo o incumprimento reiterado do alcalde coa súa obriga legal de facilitar á oposición a información que solicita. A día de hoxe, 14 peticións continúan sen resposta, malia que a institución autonómica xa requiriu formalmente ao rexedor que entregase a documentación no prazo máximo de 15 días.

As solicitudes pendentes abranguen asuntos de relevancia municipal e económica: copias de facturas, actas da Xunta de Goberno, documentación da liquidación orzamentaria de 2024, información sobre a operación de préstamo para o pago a provedores, o expediente completo da Comisión de Asuntos Económicos do 21 de abril ou datos sobre obrigas pendentes de pago. A estes expedientes súmanse cuestións de interese estratéxico para o municipio, como o acordo de colaboración coa Axencia Turismo de Galicia para a rehabilitación das Torres de Oeste ou o requirimento de Augas de Galicia sobre as medidas necesarias para o correcto funcionamento da EDAR.

A Valedora xa advertira da vulneración de dereitos

A Valedora do Pobo admitira a trámite a queixa presentada polo voceiro socialista, Alberto García García, ao constatar indicios de vulneración do dereito de acceso á información pública. No seu escrito, a institución lembraba que a queixa conta con “cobertura constitucional” nos artigos 20.1.d) e 23 da Constitución, e que os concelleiros teñen dereito a acceder á documentación necesaria para exercer as súas funcións de control.

A Valedora requiriu ao alcalde en outubro que, no prazo de 15 días, facilitase a información solicitada desde maio. Porén, o Concello non atendeu o requirimento e mantén o silencio administrativo, prolongando unha situación que dificulta o labor da oposición e compromete a transparencia municipal.

O voceiro socialista lembra que a primeira solicitude foi rexistrada o 12 de maio, sen obter resposta malia as reclamacións posteriores, tanto por escrito como de maneira presencial ante o Secretario-Interventor. O 29 de agosto, o edil volveu reiterar a petición, pero “novamente se responde co silencio”. Só unha solicitude presentada tamén en maio foi

atendida, pero cun retraso de cinco meses, o que, segundo o PSdeG-PSOE, evidencia unha “dilación sistemática” na tramitación das peticións da oposición.

“Sabemos, por experiencia propia, que con só pulsar dúas teclas se pode obter a información solicitada. O que hai é unha vontade clara de obstaculizar os nosos dereitos e atribucións”, denuncia Alberto García.

O Grupo Municipal Socialista lembra que esta situación vulnera a Constitución Española, a Lei 7/1985 de Bases do Réxime Local, o Real Decreto 2.568/1986 de fiscalización e control dos órganos de goberno municipal e a normativa autonómica de transparencia.

“Non podemos permitir que o Concello funcione a base de opacidade e silencio. A transparencia non é unha opción, é unha obriga legal”, conclúe o Grupo Municipal Socialista e engade que con esta actitud ocultista e hostil o grupo de goberno non so dificulta a labor da oposición senón que está a privar ao conxunto da veciñanza do seu dereito a saber con exactitude que está a pasar no Concello

Publicacións Relacionadas