HomePontevedraVeciños de Figueirido piden a Papa Noel a volta da especialista en...

Veciños de Figueirido piden a Papa Noel a volta da especialista en audición ao cole do Toural

- Anuncio -spot_img

A ANPA reclamou en outubro o reversión dos recortes aplicados ao centro

Papá Noel percorreu na tarde de onte as parroquias de Vilaboa e a súa parada en Figueirido converteuse nun momento perfecto para que a Asociación de Veciños de Figueirido e a ANPA do CEIP do Toural lle fixeran chegar unha petición moi especial: a recuperación da especialista de Audición e Linguaxe a tempo completo para o centro educativo; unha reivindicación que contou co apoio do alcalde de Vilaboa, César Poza.

A comunidade escolar leva desde outubro advertindo de que, tras os recortes aplicados, a atención especializada quedou reducida aos casos máis graves, deixando sen cobertura a numerosos nenos e nenas con dificultades de linguaxe que ata agora recibían apoio profesional. Esta situación está a obrigar a moitas familias a recorrer a servizos privados de logopedia, cun custo económico inasumible para numerosos fogares e cun impacto directo no incremento das desigualdades educativas. A ANPA leva semanas amosando a súa preocupación e reclamando unha solución inmediata.

A veciñanza de Figueirido non perde a esperanza e confía na “mediación” de Papá Noel. Lembran que o ano pasado xa aproveitaron a súa visita para amosarlle o potencial das antigas vías do ferrocarril, chamadas a formar parte da futura Vía Verde proxectada polo ADIF. Aquel percorrido en vagoneta, cargado de ilusión, precedeu un ano no que o proxecto —paralizado durante máis dunha década— experimentou un avance inesperado e case máxico. En Vilaboa agárdase agora que a historia se repita.

Durante o seu percorrido por Santa Cristina e Cabadachán, Papá Noel viviu tamén un momento especialmente divertido na Carretera Vella, en Paredes, onde o Grinch fixo acto de presenza para, finalmente, sumarse ao reparto de caramelos e á festa da veciñanza.

Publicacións Relacionadas