HomePontevedraO CondadoO Concello de Ponteareas licita o subministro eléctrico municipal para mellorar a...

O Concello de Ponteareas licita o subministro eléctrico municipal para mellorar a eficiencia e optimizar o consumo enerxético

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas vén de iniciar o procedemento de licitación do contrato de subministro de enerxía eléctrica para as
instalacións municipais, co obxectivo de garantir un servizo eficiente, optimizar o consumo enerxético e asegurar unha xestión responsable dos recursos públicos.

Trátase dun contrato de especial relevancia, xa que é a primeira vez que un goberno municipal de Ponteareas licita de maneira ordenada e centralizada este servizo esencial. Nunha primeira fase, o subministro foi licitado por un período dun ano, e agora avánzase cun novo contrato cunha duración de un ano prorrogable por outro máis, o que permite dar estabilidade ao servizo e mellorar a planificación enerxética do Concello.

O contrato estrutúrase en varios lotes que inclúen un total de máis de 70 puntos de subministro eléctrico de baixa, media e alta tensión, correspondentes a edificios municipais, instalacións deportivas, centros culturais, alumeado e outros servizos públicos. En concreto, o prego contempla subministracións con tarifas 2.0TD, 3.0TD e 6.1TD, adaptadas ás diferentes necesidades de potencia e consumo das instalacións do Concello.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Vías e Obras Juan Carlos Glez. Carrera destaca que “esta licitación permítenos ordenar e mellorar a xestión do consumo eléctrico municipal, avanzando cara a un uso máis eficiente da enerxía e garantindo que os servizos públicos conten cun subministro estable e axeitado ás súas necesidades”.

A través deste procedemento, o Concello busca centralizar a xestión dos contratos eléctricos municipais, reducir custos e mellorar o control do consumo enerxético, o que suporá tamén un aforro económico significativo. Este aforro poderá destinarse a investimentos noutros servizos municipais, redundando nunha mellor atención á veciñanza. As empresas adxudicatarias asumirán, entre outras obrigas, a xestión dos contratos de acceso á rede eléctrica e a correcta facturación dos consumos, sempre en coordinación coa Administración local.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, resalta que “este contrato é un paso máis no compromiso do goberno municipal cunha xestión responsable dos recursos públicos, apostando pola eficiencia enerxética e pola sustentabilidade como eixos fundamentais das políticas municipais”.

O contrato exclúe aqueles subministros que, aínda sendo propiedade do Concello, teñan o pagamento a cargo de terceiros en virtude de concesións, alugueiros ou outros acordos vixentes.

Con esta actuación, o Concello de Ponteareas reafirma a súa aposta por un modelo de xestión máis moderno, eficiente e sostible, garantindo a calidade dos servizos municipais e un uso responsable da enerxía en beneficio da veciñanza.

Publicacións Relacionadas