Ademais de internet, para facer as xestións poderase acudir ás oficinas da Área de Benestar da Deputación, a través dos traballadores sociais da maior parte dos concellos da provincia ou mediante unha chamada telefónica aos propios balnearios, que actúan como entidades colaboradoras
Os balnearios participantes habilitarán quendas desde o mesmo mes de xaneiro ata decembro, ofertando prazas que permitirán acudir aos balnearios da provincia en calquera data do ano
Desde hoxe, toda a información do programa estará dispoñible en termalismourense.com
O programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense para o ano 2026 abrirá o prazo de presentación de solicitudes o próximo 7 de xaneiro. Desde ese mesmo día calquera persoa interesada poderá solicitar a súa praza a través de internet. Ademais, para facilitar o proceso a aquelas persoas con dificultades no uso das novas tecnoloxías, a Área de Benestar prestará atención persoal nas súas oficinas, situadas no edificio de Correos da rúa Progreso, desde as 8:30 horas da mañá.
Tamén se poderán realizar as xestións a través dos traballadores sociais da maior parte dos concellos da provincia ou mediante unha chamada telefónica aos propios balnearios, que actúan como entidades colaboradoras.
Termalismo todo o ano desde a primeira quenda do 19 de xaneiro
Para o ano 2026, os balnearios participantes habilitarán quendas desde o mesmo mes de xaneiro ata decembro, ofertando prazas que permitirán acudir aos balnearios da provincia en calquera data do ano a través do programa da institución provincial.
A principal modalidade do programa por número de prazas ofertadas será a de Estancias Termais de 6 días (5 noites) con aloxamento, pensión completa, 10 técnicas termais e acceso ás piscinas de auga mineromedicinal termal. A primeira quenda ofertada nesta modalidade será a programada polo Balneario de Laias, que se iniciará o luns 19 de xaneiro, tan só 12 días despois de abrirse o prazo de solicitudes.
Modalidades, prezos e calendario en termalismourense.com
Desde hoxe, toda a información do programa estará dispoñible en www.termalismourense.com, que inclúe datos sobre os balnearios participantes: Arnoia, Eurostars de Allariz, Laias, Lobios, O Carballiño e Partovia.
Poderase consultar o contido das diferentes modalidades individuais do programa (Estancias Termais, Cultura Termal e Tratamentos Terapéuticos), así como os requisitos específicos e os servizos incluídos en cada modalidade.
Desde están xa dispoñibles os prezos. Como novidade este ano, os balnearios poderán ofertar un prezo único ou diferentes prezos en función da consideración de tempada baixa, media ou alta na que se habiliten quendas.
Na web atoparase un calendario de cada balneario coas quendas ofertadas e coa información sobre que meses considéranse tempada baixa, media e alta para cada establecemento termal.
Teléfonos especiais de información
Dado que todos os anos, os primeiros días desde a apertura do prazo o número de consultas telefónicas é importante, así como o número de persoas que acoden presencialmente á Área de Benestar da Deputación, desde hoxe mesmo habilitaranse 4 liñas telefónicas para atender consultas e demandas de información a través do 988 317869, 988 317865. 988 317867 e 988 317860.



