A alcaldesa, Inés Rey, acompañada por concelleiras e concelleiros do Goberno municipal, informou esta semana a veciñanza das actuacións previstas ao abeiro do Plan de barrios 2025-27
O Concello avanza coa súa folla de ruta no núcleo poboacional de Nostián, onde estes días remataron os traballos para ampliar as infraestruturas da rede municipal de saneamento cara á contorna do parque.
As obras, que arrincaron a mediados de ano, executáronse co obxectivo de instalar colectores separativos para as augas residuais no leste do núcleo, preto das vivendas máis próximas á fonte. Desta forma, mellórase a recollida de augas en orixe no conxunto de Nostián, que xa
contaba cunha rede unitaria e para pluviais no sector oeste.
Tras a instalación das colectores, o Concello procedeu tamén á renovación do firme, traballos que incluíron a disposición de materiais e pavimentos diferenciados para visibilizar as zonas de acceso ás vivendas, e reforzaron así a seguridade viaria das veciñas e veciños ante o paso de vehículos.
Cun investimento de 230.000 euros, esta intervención foi unha das cuestións que centrou o encontro informativo do Plan de barrios 2025-27 que tivo lugar a mediados desta semana no local veciñal de Nostián. A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polas concelleiras e concelleiros Noemí Díaz, Nereida Canosa e Manuel Vázquez, así como por persoal técnico do Concello, informou as persoas residentes das principais actuacións previstas tanto en Nostián como na súa contorna, que inclúen a renovación da pista de chave.



