HomeA CoruñaO BNG insta a dar traslado do expediente da iluminación de Nadal...

O BNG insta a dar traslado do expediente da iluminación de Nadal ao Consello da Competencia

- Anuncio -spot_img

– Só unha empresa se presentou á contratación, que se licitou cando faltaban poucos días para a campaña de Nadal e se adxudicou cando xa debían estar os elementos decorativos en funcionamento.

– A empresa adxudicataria é a mesma que veu desenvolvendo os traballos nos últimos 10 anos, coa salvedade do 2022, cando a licitación se fixo con antelación suficiente, iniciándose en agosto.

– A ausencia de concurrencia nas licitacións é un dos indicios que o Conselo de Contas menciona como sinal de malas prácticas na contratación pública.

O Bloque Nacionalista Galego demandará ao Pleno Municipal que se dea traslado ao Consello Galego da Competencia das irregularidades detectadas no contrato para a instalación dos elementos decorativos de Nadal.

O Concello de Culleredo xa foi advertido polo Consello de Contas de posíbeis prácticas que non cumpren coa obriga de garantir á competencia efectiva. Entre estes indicios estaban o abuso da tramitación de urxencia, o incumprimento de prazos, ou que á licitación só se presente unha única empresa.

No caso do contrato para a ilumimación de Nadal só se presenta unha empresa, Iluminaciones Santiaguesas SL. Esta empresa foi adxudicataria do mesmo contrato nos últimos 10 anos, coa única salvedade do 2022-2023, cando o proceso de contratación foi iniciado con antelación suficiente en agosto e se presentaron máis empresas.

Este ano a contratación realizouse para dous exercicios, o presente e o próximo 2026-2027. Adxudícase o 16 de decembro, cando o propio contrato estipula que as luces tiñan que ser acendidas como moi tarde o 5 de decembro. Isto non se traduce nunha rebaixa sensíbel do seu importe. Dos 77.139,30€ anuais orzamentados, finalmente van pagarse 77.000€ (máis impostos) tanto este ano como o próximo.

Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, “estamos ante un claro caso de contrato de execución imposíbel, pero isto non impide que o Goberno do Sr. Rioboo pague a totalidade de prezo á mesma empresa de sempre como se o contrato se executase na súa totalidade. Non se molestaron nen en disimular modificando os pregos de contratación. Dados os antecedentes, é preciso que o Consello Galego da Competencia tome cartas no asunto”.

Publicacións Relacionadas