HomePontevedraO BNG de Vigo urxirá no Pleno que a Xunta substitúa as válvulas...

O BNG de Vigo urxirá no Pleno que a Xunta substitúa as válvulas avariadas en Eiras e realice unha auditoría integral do estado do encoro

- Anuncio -spot_img

A través dunha emenda a unha moción do grupo municipal socialista, demandarán tamén a creación dunha Comisión Mixta Xunta-Concello para garantir a cooperación interadministrativa en relación ao subministro de auga

Xabier P. Igrexas: “Non chega con pedir o cesamento dunha conselleira, as viguesas e vigueses o que queren é que o Pleno acorde solucións e achegue garantías sobre algo tan básico como a auga de beber”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo urxirá no Pleno municipal deste luns que a Xunta de Galiza execute a substitución das válvulas avariadas en Eiras. A través dunha emenda a unha moción do grupo socialista, a fronte nacionalista demandará a realización dunha auditoría integral do encoro que permita detectar deficiencias e estabelecer medidas correctoras para garantir o seu pleno funcionamento. Aliás, reclaman tamén a creación dunha Comisión Mixta Xunta-Concello, como espazo para a necesaria cooperación interadministrativa en relación ao subministro de auga da cidade e a súa área.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu que “non chega con pedir o cesamento dunha conselleira, as viguesas e vigueses o que queren é que o Pleno acorde solucións e achegue garantías sobre algo tan básico como a auga de beber”. Neste sentido, considera que a moción do PSOE, que se limita a pedir a saída da Conselleira de Medio Ambiente, insiste “no tan permanente como estéril pimpampum partidista no que sempre perde a cidade”.

Chamamento á responsabilidade

Igrexas volveu cualificar de “delirante” que, diante dun feito técnico obxectivo —a existencia de dúas das catro válvulas do encoro con deficiencias que deben ser substituídas— a resposta das administracións fose “converter un asunto serio nunha telenovela cutre, con cruces de declaracións, mensaxes alarmistas e reproches e peticións de dimisión”.

De aí que desde o Bloque fagan un chamamento a centrar todos os esforzos en solucionar as deficiencias detectadas en Eiras e non reducilo todo a “un axuste de contas”. “As viguesas e os vigueses o que esperan e merecen de Xunta e Concello é que actúen para resolver problemas, non para crealos. Xa chega de xogos irresponsábeis”, remachou.

Publicacións Relacionadas