Home Deputacións Deputación Ourense A Deputación de Ourense alerta do grave impacto territorial e económico da...

A Deputación de Ourense alerta do grave impacto territorial e económico da eliminación de paradas na Gudiña do servizo ferroviario de alta velocidade

0
3

Un estudo impulsado polo Inorde e froito dunha investigación elaborada pola Universidade de Vigo, constata un deterioro estrutural da mobilidade, da economía e da cohesión social nas comarcas do oriente ourensán

O informe cualitativo revela que o 86,9% da poboación percibe un aumento da desigualdade no acceso a servizos e oportunidades tras o recorte de frecuencias

A veciñanza e o tecido empresarial rexeitan as medidas “compensatorias” e esixen a restitución dos horarios estratéxicos: o 94,3% considera imprescindible recuperar o tren de primeira hora cara a Madrid

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, vén de presentar os resultados preliminares da fase cualitativa do Estudo do impacto da eliminación de paradas do servizo ferroviario de alta velocidade na estación da Gudiña, unha investigación cualitativa elaborada pola Universidade de Vigo que evidencia as consecuencias negativas que a supresión de frecuencias do servizo ferroviario de alta velocidade está a ter sobre a mobilidade, a actividade económica e a calidade de vida en amplas zonas do oriente ourensán. Cando se vaian completando as restantes fases deste estudo iranse incorporando a este traballo.

O informe conclúe que a redución de paradas non supón un axuste técnico menor, senón un factor de debilitamento estrutural do territorio, con efectos directos sobre a economía familiar e empresarial, o acceso a servizos básicos, a cohesión social e as expectativas de desenvolvemento futuro de comarcas como Viana–A Gudiña, Valdeorras, Verín e Terras de Trives.

Segundo os datos recollidos nesta fase cualitativa, preto do 70 % das persoas participantes na enquisa afirma verse afectada nos seus desprazamentos persoais, mentres que case un 40 % declara impactos directos nos desprazamentos laborais. Estes resultados confirman que o tren de alta velocidade estaba plenamente integrado na mobilidade cotiá da poboación.

Precisamente por elo, a eliminación das paradas de primeira hora da mañá e de última hora da tarde é identificada como especialmente prexudicial, ao impedir desprazamentos de ida e volta no mesmo día a destinos clave como Madrid ou o eixo atlántico galego.

Impacto económico xeneralizado

Desde o punto de vista económico, máis do 90 % das persoas enquisadas valora o impacto global como alto ou moi alto, salientando o incremento de custos, a perda de eficiencia e a redución da competitividade para empresas, autónomos e profesionais. Sectores estratéxicos como o turismo, a hostalaría, o comercio, o transporte e os servizos presentan niveis moi elevados de afectación, con efectos indirectos sobre o conxunto do tecido produtivo e a actividade económica comarcal.

Agravio territorial e aumento da desigualdade

Os resultados do estudo amosan un elevado grao de consenso social sobre o prexuízo causado pola supresión de paradas. Así, un 76,1 % da poboación manifesta un claro sentimento de agravio, ao percibir unha disonancia entre o investimento público realizado na infraestrutura ferroviaria e o servizo efectivamente prestado. Ademais, o 86,9 % das persoas participantes alerta dun aumento da desigualdade no acceso a servizos e oportunidades en comparación con outros territorios mellor conectados.

O informe tamén sinala que esta situación xera unha incerteza estrutural que condiciona decisións vitais e económicas, dificulta a chegada de novos residentes e pon en risco a continuidade de negocios locais, especialmente nos sectores vinculados aos servizos e ao turismo.

Un impacto social profundo

A investigación pon de manifesto un impacto social profundo, con dificultades crecentes de acceso a servizos sanitarios, educativos e administrativos, un empeoramento da conciliación familiar e unha maior percepción de illamento territorial. Así mesmo, constátase unha preocupación xeneralizada polo risco de despoboamento e pola perda de oportunidades para atraer talento e poboación nova.

Rexeitamento das medidas compensatorias

Un dos aspectos máis relevantes do estudo é a valoración das posibles solucións. Os datos son claros: a poboación e o tecido económico non consideran eficaces as medidas compensatorias, como lanzadeiras ou incentivos alternativos. Preto do 90 % das persoas participantes considera que a única vía realmente eficaz é a restitución das frecuencias eliminadas.

En particular, o 94,3 % considera imprescindible recuperar o tren de primeira hora da mañá cara a Madrid, mentres que o 79,0 % reclama a recuperación da frecuencia matinal cara a Ourense e o resto de Galicia. Tamén se sinalan como esenciais os servizos de última hora da tarde, que permiten o retorno no mesmo día desde Madrid (71,3 %) e desde Ourense (73,2 %).

Compromiso coa conectividade ferroviaria

A Deputación de Ourense reafirma así o seu compromiso coa defensa dunha conectividade ferroviaria xusta e equilibrada, clave para garantir a igualdade de oportunidades, a cohesión territorial e o desenvolvemento sostible do interior da provincia. A institución provincial continuará apoiándose en datos obxectivos e estudos rigorosos como este para reclamar ante as administracións competentes a restitución dun servizo ferroviario acorde ás necesidades reais do territorio.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Pleno da Deputación aprobou no pasado mes de outubro unha moción na que se reprobaban as decisións do Ministerio de Transportes que afectaron á estación da Gudiña, ao reducir as frecuencias semanais do servizo ferroviario de alta velocidade de 56 a 41, suprimindo precisamente os horarios máis funcionais para a comarca. Aquel acordo incluía tamén a esixencia de recuperar de inmediato os horarios anteriores a xuño e de dotar a estación da Gudiña dos servizos e infraestruturas necesarias para o seu correcto funcionamento, tal e como agora documenta empíricamente este estudo.