HomeA CoruñaOs concellos de Carballo e Coristanco repiten o modelo de colaboración intermunicipal...

Os concellos de Carballo e Coristanco repiten o modelo de colaboración intermunicipal coa solicitude dunha segunda edición do Obradoiro Lubiáns

- Anuncio -spot_img

Os concellos de Carballo e Coristanco repiten o modelo de colaboración intermunicipal que tan bos resultados dou no Obradoiro Lubiáns -clausurado a mediados de setembro cunha excelente valoración, tanto pola elevada implicación do alumnado como pola calidade dos proxectos executados- e veñen de presentar unha nova solicitude conxunta para o Obradoiro Lubiáns II.

Nesta ocasión, ademais da formación de 12 alumnos/as na especialidade de montaxe e instalación de construcións de madeira, que foi a especialidade da primeira edición, inclúese unha segunda acción para preparar a outras 8 persoas en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Deste xeito, o Obradoiro Lubiáns II permitiría facilitar a inserción laboral de 20 veciños e veciñas dos concellos de Carballo e Coristanco en dous ámbitos con moita demanda de persoal.

O proxecto que vén de presentarse, e que debe ser aprobado pola Xunta de Galicia, establece que o alumnado de atención sociosanitaria realizará prácticas profesionais na residencia de Aspaber, nos centros de día da Xunta en Carballo e A Laracha e na asociación Íntegro, con sede en Cabana de Bergantiños.

Pola súa banda, os futuros carpinteiros e carpinteiras executarán varias actuacións: en Carballo, a renovación dos elementos de carpintaría de madeira do Horto Municipal e a fabricación de mobiliario para o mercado municipal de Carballo; en Coristanco, a construción de elementos de carpintería de madeira para a pista multideporte de Santa Marta e o acondicionamento do palco da música da Praza de Santa Marta.

Se a iniciativa sae adiante, o Obradoiro Lubiáns II desenvolverase desde o 29 de maio do 2026 ata o 28 de febreiro do 2027. O centro de formación será o Fórum Carballo, que conta cun taller de carpintería preparado e totalmente equipado, así coma con novas instalacións para a formación en atención sociosanitaria.

Tal como figura na orde que os regula, “os obradoiros duais de emprego configúranse como programas experienciais de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo”. A súa duración está establecida en nove meses, ao longo dos cales as persoas participantes terán un contrato de traballo de formación en alternacia, polo que percibirán o salario correspondente.

Selección do alumnado
A selección do alumnado irá precedida da tramitación da oferta na oficina de emprego de Carballo. As persoas aspirantes deben reunir uns requisitos mínimos, como estar desempregadas e inscritas no SPEG, ter cumpridos os 18 anos, cumprir as condicións establecidas na normativa reguladora do contrato de formación en alternancia e, por norma xeral, non ter participado en accións formativas semellantes con anterioridade.

Así mesmo, dado que as dúas especialidades previstas son de nivel II, deben cumprir os requisitos de acceso para os certificados dese nivel, que son as seguintes:

• Estar en posesión do título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria.
• Estar en posesión dun certificado de profesionalidade do mesmo nivel do módulo ou módulos formativos e/ou do certificado de profesionalidade ao que se desexa acceder.
• Estar en posesión dun certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia e área profesional.
• Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou para maiores de 45 anos.
• Ter as competencias clave de nivel 2 para cursar con aproveitamento a formación correspondente ao certificado de profesionalidade. Estas competencias clave acreditaranse ou ben por ter superadas as probas de avaliación en competencias clave convocadas pola Consellería correspondente ou ben por ter superadas con avaliación positiva accións formativas correspondentes a competencias clave de nivel 2 que figuren no ficheiro de especialidades formativas do Servizo de Emprego Público Estatal.
• Cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao medio, ou ben ter superado as correspondentes probas de acceso convocadas polas administracións educativas.

Publicacións Relacionadas