Dende que se inaugurara o novo sistema de acceso á Biblioteca Municipal de Salvaterra de Miño no pasado mes de marzo xa son máis de 200 as tarxetas entregadas ós usuarios e usuarias que a solicitaron.
O sistema de acceso autónomo a través de tarxeta, a cal se solicita no Concello, permite facer uso das instalacións nun horario máis amplio para o estudo. A través deste sistema aquelas persoas que precisan estudar ou facer uso do espazo xa o fan accedendo ó espazo coa súa tarxeta.
Dende o pasado mes de marzo cando se puña en funcionamento este sistema pioneiro na contorna foron máis de 11.000 as entradas rexistradas para facer uso das instalacións.
Recordamos que os usuarios e usuarias acceden á Biblioteca Municipal nun horario de luns a xoves de 08:00 a 22:00 horas e de venres a domingo de 08:00 a 00:00 horas.
O 2025 remata tamén con datos positivos en canto a préstamos superando os 2100 dende que comezara o ano.
Sen dúbida, falamos dun espazo adaptado ás necesidades dos estudantes onde atopan ordenadores, enciclopedias e libros que serven de consulta e aprendizaxe para calquera que o precise e que ademais conta cunha sala infantil con libros e xogos e un espazo polivalente para presentacións de traballos, obradoiros e reunións informativas.



