O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou na sesión ordinaria celebrada o 30 de decembro de 2025 dous acordos de grande relevancia social que consolidan a aposta do goberno municipal polas políticas públicas centradas nas persoas, no benestar e na participación cidadá ao longo de todo o ciclo vital.
Incorporación á Rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores
Un dos puntos aprobados foi a adhesión do Concello de Ponteareas á Rede de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores, unha iniciativa promovida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e coordinada en España polo IMSERSO. Este acordo supón un paso estratéxico para avanzar cara a un modelo de vila máis accesible, segura, inclusiva e adaptada ás necesidades dunha poboación cada vez máis envellecida.
A través desta adhesión, Ponteareas comprométese a seguir un proceso estruturado que inclúe a realización dun diagnóstico participativo, no que as propias persoas maiores terán un papel protagonista, así como a elaboración e desenvolvemento dun Plan de Acción municipal orientado á mellora dos espazos públicos, a mobilidade, os servizos, a participación social e a prevención da soidade non desexada.
Isto permitirá ao Concello acceder a asesoramento técnico especializado, formación e intercambio de boas prácticas con outros municipios, reforzando e complementando as políticas locais de benestar social, accesibilidade universal, envellecemento activo e convivencia interxeracional que xa se están a desenvolver no municipio.
Aprobación do Plan Municipal de Infancia e Adolescencia 2026-2029
Na mesma sesión plenaria aprobouse tamén o Plan Municipal de Infancia e Adolescencia de Ponteareas para o período 2026-2029, unha ferramenta clave de planificación estratéxica que dá continuidade ao compromiso do Concello cos dereitos da infancia e da adolescencia.
Este Plan enmárcase na recente renovación do recoñecemento de Ponteareas como Cidade Amiga da Infancia por UNICEF España para o período 2026-2029, un distintivo que avala o traballo realizado nos últimos anos e a vontade municipal de seguir situando aos nenos, nenas e adolescentes no centro das políticas públicas locais.
O documento, elaborado de maneira coordinada entre distintas áreas municipais e contando coa participación de axentes sociais, educativos e coa propia infancia e adolescencia, establece liñas de actuación orientadas a: garantir un enfoque baseado nos dereitos da infancia e adolescencia en todas as políticas municipais; promover a participación real e efectiva de nenos, nenas e adolescentes na vida pública; crear contornas seguras, protectoras e inclusivas; prestar especial atención á infancia e adolescencia en situación de maior vulnerabilidade; mellorar a coordinación, o seguimento e a avaliación das actuacións municipais; e un compromiso transversal co benestar da cidadanía.
Con estes dous acordos, o Concello de Ponteareas reforza unha estratexia municipal baseada na humanización das políticas públicas, apostando por un modelo de gobernanza local que entende o benestar como un eixo transversal e prioritario. Dende a infancia ata as persoas maiores, o goberno local avanza na construción dunha vila máis cohesionada, participativa e preparada para afrontar os retos sociais presentes e futuros.



