O BNG da Estrada, a través do seu voceiro municipal, Xoán Reices, rexistrou unha moción para o seu debate en Pleno, na que se esixe ao goberno de Gonzalo Louzao (PP) a intervención inmediata e a posta en valor de dous elementos importantes do patrimonio histórico local: a ponte de Liñares e a ponte de Paradela.
Risco de derrube e obriga legal
Na exposición de motivos, o grupo nacionalista alerta sobre o avanzado estado de deterioración destas construcións. Segundo sinala Reices, a ponte de Liñares atópase en “grave perigo de derrube”, unha situación de vulnerabilidade que tamén ameaza á de Paradela se non se acometen actuacións de urxencia de xeito inmediato.
O BNG fundamenta a súa petición na Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galiza, lembrando que as administracións locais teñen o deber legal de “protexer, difundir e fomentar” o valor cultural dos bens que integran a identidade do pobo galego. “Non somos os propietarios deste patrimonio, senón os seus custodios”, defende o voceiro nacionalista, “e como tales é a nosa obriga protexelos e preservalos para as xeracións futuras”.
Demandas ao executivo local
Malia a maioría absoluta coa que conta o executivo de Gonzalo Louzao, o BNG agarda que o goberno do PP amose sensibilidade institucional ante unha cuestión de conservación básica. A moción presentada recolle tres puntos de acordo fundamentais:
- Dotación económica: A creación dunha partida orzamentaria específica destinada á rehabilitación integral de ambas pontes.
- Plan de mantemento: A inclusión de ambos monumentos dentro dun plan regrado de mantemento do patrimonio local para evitar que volvan chegar a situacións críticas.
- Sinalización e posta en valor: A instalación de sinaléctica adecuada para que a cidadanía poida localizar, achegarse e gozar destes bens patrimoniais sen dificultades.
Para o BNG, a conservación do patrimonio histórico-artístico é un piar fundamental para combater a aculturación e fortalecer a identidade e a cohesión social do concello da Estrada.



