- O Concello ten que aprobar agora a acta de recepción para que os propietarios poidan solicitar a licencia tanto de obra coma de actividade, segundo corresponda
- O investimento total da Administración autonómica neste proxecto supera os 7,5 M€ e resulta moi necesario porque o actual polígono, con 90 parcelas xa ocupadas, non ten superficie dispoñible
A Xunta de Galicia acaba de rematar as obras de urbanización da ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia (Ourense), que incrementa un 40 por cento a súa superficie (en 117.418 m²) cun total de 23 novas parcelas.
Unha vez que o Concello aprobe agora a acta de recepción, tal e como xa lle solicitou Xestión do Solo de Galicia-Xestur, dependente da Consellería de Economía e Industria, as parcelas adquiren a condición de solar e os propietarios poderán solicitar a licencia tanto de obra coma de actividade, segundo corresponda.
O investimento total da Xunta de Galicia neste proxecto supera os 7,5 millóns de euros e resulta moi necesario porque o actual polígono, con 90 parcelas xa ocupadas, non ten superficie dispoñible para dar resposta á demanda actual que existe por parte das empresas que xa operan na comarca da Limia ou as que están interesadas en instalarse alí.
2,6 millóns de m² máis de superficie industrial en Ourense
O Goberno galego ten en marcha diversas actuacións que suporán incrementar en 2,6 millóns de m² a superficie actual de solo empresarial na provincia de Ourense, de acordo coa estratexia de impulsar solo industrial nas grandes áreas industriais, pero tamén naquelas comarcas do interior para fomentar o reequilibrio territorial e frear o seu despoboamento.
Neste senso, encóntranse actualmente en tramitación a redacción dos Peose (Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial) dos parques empresariais do Carballiño-Maside, Paderne de Allariz e O Pereiro de Aguiar. Ademais, xa se licitaron as obras de ampliación do Parque Empresarial de San Cibrao das Viñas.



