HomePontevedraSoutomaior presenta o seu I DESAFÍO LECTOR  

Soutomaior presenta o seu I DESAFÍO LECTOR  

- Anuncio -spot_img
  • Esta actividade nace para potenciar un hábito continuo de lectura
  • Para participar haberá que inscribirse en liña dende hoxe, luns 12 de xaneiro ata o xoves 12 de novembro do 2026

O Concello de Soutomaior, conmemora o Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas, que se celebra o 11 de xaneiro, co seu I Desafío lector do Concello de Soutomaior que se desenvolverá desde hoxe ata o venres 11 de decembro do ano 2026.

Esta actividade nace para potenciar un hábito continuo de lectura que incentive a coñecer, non só novos autores e autoras, xéneros literarios ou temáticas diferentes, senón tamén mellorar a comprensión lectora para estimular o pensamento crítico e a creatividade. Quérese chegar a persoas de todas as idades e para elo rétase ás persoas adultas, á mocidade, e á infancia a participar neste desafío lector que consistirá en ler libros de diferentes temas e formatos para rematar con éxito o reto que propón a Biblioteca Municipal Luís Seoane ao longo de todo este ano.

Para participar haberá que inscribirse en liña dende o luns 12 de xaneiro ata o xoves 12 de novembro do ano 2026 na web www.soutomaior.gal/actividades e achegarse pola Biblioteca Municipal para recoller o taboleiro de xogo (cartón) e as inscricións e solicitar o préstamo do primeiro libro co que se quere comezar a xogar e a ler.

Lembramos que haberá categorías por idades desde os cero anos en diante e que poden participar todas as persoas que posúan o carné da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Ao finalizar o ano realizarase un sorteo o día 11 de xaneiro de 2027, en horario de tarde na Biblioteca Municipal Luís Seoane onde as persoas participantes optarán a tabletas, xogos de mesa e lotes de libros.

Máis información e consulta de Bases na: Biblioteca Municipal Luís Seoane ou na web www.soutomaior.gal

PREMIOS ÁS E AOS MÁIS LECTORES DO CONCELLO

Como xa se fixo no pasado ano, dende o concello de Soutomaior entregarán premios ás persoas máis lectoras nas categorías infantil-xuvenil e adultos. Na categoría infantil-xuvenil, o premio consiste nun lote de produtos de papelería e xogos de mesa, mentres que na modalidade de persoas adultas, o agasallo é unha cesta de produtos locais elaborados en Soutomaior.

Na categoría infantil-xuvenil o gañador é: Noel Castro Lemos cun total de 298 préstamos no ano 2025.

Na categoría de persoas adultas a gañadora é: Mª Milagros Sobral Fernández cun total de 66 préstamos no ano 2025.

CIFRAS EXCELENTES DA BIBLIOTECA “LUÍS SEOANE”  

A Biblioteca Municipal Luís Seoane vén de pechar un 2025 cunhas excelentes cifras de público. No ano 2025, fixéronse un total de 207 carnés novos:  75 carnés infantís, 18 carnés xuvenís e 114 carnés de persoas adultas. E un total de 12070 préstamos.

No ano 2024, fixéronse un total de 183 carnés novos: 53 carnés infantís, 39 carnés xuvenís e 91 carnés de persoas adultas. E un total de 11.063 préstamos.

Por tanto, o ano pasado houbo un incremento do 13% en relación ás novas persoas usuarias na Biblioteca Municipal. Actualmente hai 3.686 persoas inscritas. E subiron os préstamos en máis de 1000, polo que se aumentou o servizo nun 9% respecto ao ano 2024.

Ante estas cifras a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, dixo nesta xornada que “para nós é un orgullo pechar un 2025 récord se atendemos a cifras de persoas usuarias, número de préstamos e premios. Pero nada disto sería posible sen a participación dos veciños e veciñas de Soutomaior, aos que agora queremos desafiar a encher o 2026 de boas lecturas e a que sigan convertendo a nosa biblioteca nun auténtico referente cultural da contorna”.

Publicacións Relacionadas