HomeXunta de GaliciaA Xunta consolida o novo modelo de formación para persoas desempregadas cunha...

A Xunta consolida o novo modelo de formación para persoas desempregadas cunha convocatoria de 40M€ avanzando na flexibilidade e conexión coas empresas

- Anuncio -spot_img
  • O DOG publica hoxe a liña de apoios 2026-2027 desta orde reformulada por completo o pasado ano no marco da transformación cara unha oferta formativa máis desestacionalizada e aliñada coas necesidades do tecido produtivo
  • As axudas, dirixidas a centros acreditados, poderán pedirse ata o 30 de novembro de 2026, contemplan accións modulables de grao A, B e C e a formación dual é obrigatoria nas formacións de longa duración, cun mínimo do 25% en contornas de traballo
  • Cada curso, como se introduciu en 2025, debe responder a unha demanda real, cun compromiso previo acreditado polas entidades formativas dun mínimo do 30 % do alumnado, o que garante a súa resposta á realidade produtiva
  • Tamén continuará impulsándose o papel das oficinas de emprego na identificación das necesidades formativas por sectores e territorios, propoñendo itinerarios aos candidatos coa axuda de ferramentas como EMi
  • A convocatoria complétase con outras medidas en 2026 como o programa Galicia Suma Talento: Emprégate, dotado con 19,7M€ e que incluirá incentivos á contratación daquelas persoas que nos últimos dous anos remataran accións de AFD

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria 2026-2027 de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), dotada cun crédito inicial de 40 M€ —ampliable segundo as necesidades— e que se enmarca no redeseño integral da formación para o emprego que está a impulsar a Xunta. O novo modelo aposta pola flexibilización, a axilidade, a conexión co mercado e a atención á demanda efectiva das persoas beneficiarias, co obxectivo de potenciar a súa empregabilidade e responder ás necesidades de talento das empresas.

Tras a remodelación completa da orde publicada o pasado ano, a nova convocatoria consolida o modelo e garante unha oferta formativa dispoñible durante practicamente todo o ano, en beneficio tanto das persoas como do tecido produtivo. Introduce ademais novas medidas e flexibiliza os requisitos para participar nas accións formativas. Así, as persoas que rematen unha formación poderán acceder a outra de nivel superior sen ter que esperar á expedición do certificado profesional da acción formativa anterior, do mesmo xeito que aquelas que estean pendentes da homologación dun título estranxeiro.

Para as persoas desempregadas, esta liña de axudas supón a oportunidade de acceder a accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, con opcións flexibles de incorporación ao mercado laboral. A convocatoria permite modular a capacitación e reducir o tempo de formación, incluíndo graos B (200-300 h) e C (600-1.000 h), e, como novidade desde o ano pasado, microformacións de grao A (30-40 h), abrindo un escenario máis amplo e adaptado aos perfís e ás necesidades reais do mercado.

Cada acción formativa, como se introduciu en 2025, debe responder a unha demanda real, cun compromiso previo acreditado polas entidades formativas dun mínimo do 30 % do alumnado, o que garante que a formación estea vinculada á realidade produtiva e permite ás empresas canalizar as súas necesidades concretas a través de centros acreditados de xeito áxil. Ademais, os programas de grao C manteñen a formación dual obrigatoria, que require que polo menos o 25 % das horas se desenvolvan en contornas reais de traballo, reforzando a utilidade práctica da aprendizaxe. Tamén continuará impulsándose o papel das oficinas de emprego na identificación das necesidades formativas por sectores e territorios, propoñendo itinerarios aos candidatos coa axuda de ferramentas como EMi.

Detalles da convocatoria

O prazo de solicitudes estará aberto desde o 20 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2026, cun orzamento de 40 M€ —procedentes de fondos finalistas do Estado— repartido en dúas anualidades, 30 M€ en 2026 e 10 M€ en 2027, para financiar accións que se inicien este ano e poidan prolongarse no seguinte. A formación poderá de xeito presencial ou virtual, e poderán ser beneficiarias entidades e centros de formación acreditados para os graos A, B e C, con anticipos de ata o 60 %. A concesión das axudas será en réxime de concurrencia non competitiva, e os cursos están dirixidos preferentemente a persoas desempregadas, aínda que se permite a participación de ocupadas ata un 30 % das prazas, sempre que non se cubran con persoas sen traballo. O obxectivo é que as persoas beneficiarias adquiran e melloren competencias profesionais con impacto no mercado laboral, conducindo a unha formación total ou parcial incluída nun certificado profesional.

Maior conexión entre formación e emprego

Na liña da renovación das políticas activas de emprego, a Xunta vén de aprobar o decreto pioneiro en España para regular as microcredenciais no ámbito da formación para o emprego, que permitirá ás empresas deseñar e impartir formación curta e certificada á medida. Ademais, a convocatoria publicada hoxe complétase con outras ordes estratéxicas en 2026 como Galicia Suma Talento: Emprégate (19,7M€) que por primeira vez incluirá incentivos á contratación das persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións AFD, obradoiros de emprego ou programas integrados de emprego.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260113/AnuncioG0767-231225-0004_gl.html

Publicacións Relacionadas