· Lembran que o Goberno se había comprometido por escrito e en nota oficial a licitar as obras en 2023 e dous anos despois séguese á espera. “Basta de dilacións e de enganos aos cidadáns, esiximos dilixencia na tramitación e a licitación das obras en 2026”, afirma Celso Delgado
· A execución destes carrís resulta esencial para os usuarios da N-120, especialmente os valdeorreses, xa que a imposibilidade de adiantar nese tramo incrementa a duración da viaxe entre 10 e 15 minutos
O 4 de novembro de 2025 os deputados ourensáns do PP, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, rexistraron no Congreso dos Deputados as seguintes preguntas dirixidas ao Goberno:
Finalizou xa o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible a redacción do proxecto construtivo dos carrís adicionais da N-120 entre Vos Peares e Ourense PPKK 548 ao 564 (provincia de Ourense)?
Despois de incumprir o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible a data comprometida de licitación en 2023 das obras de “mellora da seguridade viaria na estrada N-120, coa implantación de 4,22 quilómetros de carrís adicionais entre os km 548,800 e 564,000, na provincia de Ourense”, que data compromete para licitalas?
A RESPOSTA do Goberno chegou o 12 de decembro de 2025 e di así: “En relación co asunto interesado, sinálase que o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible está a redactar na actualidade o proxecto construtivo dos carrís adicionais da N-120 entre Vos Peares e Ourense PPKK 548 ao 564 (provincia de Ourense)”.
VALORACIÓN DA RESPOSTA
Non pode ser máis decepcionante a resposta do Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible (MITMS) xa que vinte e un meses despois da aprobación do proxecto de trazado continúan coa cantilena de que “están a redactar” o proxecto construtivo. E ademais seguen sen comprometer data algunha para a licitación das obras.
Trátase do acondicionamento de interseccións e a implantación de carrís adicionais de adiantamento en tres tramos da N-120, situados no Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín. Tramo 1: km 551,220 ao 552,950 sentido Ourense. Tramo 2: km 556,280 ao 557,410 sentido Monforte. Tramo 3: km 559,740 ao 561,170 sentido Ourense.
Na actualidade, no tramo obxecto do proxecto unicamente permítese o adiantamento nos dous últimos quilómetros próximos a Ourense (desde aproximadamente o km 562,1), dispoñendo dobre liña continua no resto do tramo da estrada. Por este motivo, todos os usuarios ven as súas viaxes atrasadas entre 10 e 15 minutos.
Sen dúbida, as comarcas de Valdeorras e Lemos son as máis prexudicadas por estas deficiencias da N-120, co agravante dun firme en moi mal estado. A maiores, o MITMS ten abandonado o proxecto de construción da autovía A-76, xa que en sete anos non foi capaz de licitar nin un só tramo.
ANTECEDENTES
É necesario lembrar que o MITMS tardou cinco anos e dous meses (desde novembro de 2017) en aprobar de forma provisional en xaneiro de 2023 o proxecto de trazado destes carrís tan esenciais para os usuarios da N-120, moi especialmente para os que se moven entre Valdeorras, Monforte de Lemos e Ourense.
Unha vez máis hai que lembrar o flagrante incumprimento do compromiso explicitado o 2 de marzo de 2023 polo secretario xeral de infraestruturas do Mitma, Xavier Flores, que rotundamente afirmara “que o obxectivo é poder licitar as obras correspondentes en 2023.”
“Basta de dilacións e de enganos aos cidadáns, esiximos ao MITMA dilixencia e licitación de obras en 2026”, afirma o deputado Celso Delgado.



