O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, destacou a importancia desta efeméride, “pois estamos a falar do gran pioneiro dos medios de comunicación en galego, que chegou a ter unha tiraxe de 4.000 exemplares e estivo promovido por un ourensán ilustre como Valentín Lamas Carvajal”
Un roteiro, un xantar popular, un concerto, xornadas de divulgación e a dixitalización da colección completa, destacan entre as propostas que acollerá a cidade de Ourense ao longo deste ano
A comisión de coordinación do 150 aniversario da publicación presentou hoxe os actos que conmemoran a efeméride. César Manuel Fernández Gil, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; María López-Sández, membro da comisión executiva da Real Academia Galega; Armando Ojea, concelleiro de Ourense; Afonso Vázquez Mondarxín, coordinador da comisión, xunto con representantes da Asociación de Medios en Galego, La Región, Liceo de Ourense, a coral Ruada e a Fundación ONCE mais familiares de Valentín Lamas Carvajal detallaron no centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense os eixes das actividades previstas. Un roteiro, un xantar popular, un concerto, xornadas de divulgación e a dixitalización da colección completa, destacan entre as propostas que acollerá a cidade de Ourense ao longo deste ano.
O punto de partida é o 7 de febreiro en Ourense, a coincidir co día propio da saída da publicacións en 1876. Para ese día están programadas diferentes actividades. Destaca un roteiro que percorrerá o Ourense de Lamas Carvajal con parada en dez lugares. Haberá intervencións institucionais, unha ofrenda floral e un itinerario guiado por un tamborileiro e un gaiteiro, en consonancia co estilo da publicación homenaxeada. O cemiterio de Ourense, a praza do Correxidor, o xardín do Posío e a praza Maior serán puntos destacados dun roteiro que remata no Liceo de Ourense cunha festa popular. Alí haberá un concerto a cargo da coral Ruada e rematará nun xantar (as persoas que queiran participar pódense anotar no correo liceodeourense@hotmail.es e no telefono 988220650 ata o día 3 de febreiro).



