HomeA CoruñaUnha vintena de familias de Neda beneficiáronse das axudas municipais á natalidade...

Unha vintena de familias de Neda beneficiáronse das axudas municipais á natalidade durante o 2025

- Anuncio -spot_img

Trátase da cifra máis elevada que se ten rexistrado nos últimos anos

O Concello de Neda concedeu ao longo do 2025 axudas á natalidade a un total de 20 familias do municipio. Trátase da cifra máis alta rexistrada nos últimos anos. De feito, a administración local tivo que aumentar a partida inicialmente reservada nos orzamentos municipais. A aposta, destinada a paliar o impacto económico inicial que supón a chegada dun novo membro á unidade familiar, mantense neste 2026.

Neda destinou ao longo dos últimos doce meses un total de 6.000 euros a axudas ás familias da localidade a través destes cheques bebé. Estas subvencións de pago único teñen unha contía de 300 euros (só no caso de menores con discapacidade ascende a 600). O dato de axudas entregadas consolida a tendencia alcista experimentada no último cuadrienio. Así, solicitáronse e concedéronse 16 no 2024; 13 no exercicio inmediatamente anterior, e 11 no 2022.

A través destas axudas, o Concello de Neda busca colaborar coas familias da localidade nos cuantiosos gastos que se producen nos primeiros meses de vida, adopción ou acollemento previo dun neno/a. Gastos que abranguen dende cueiros e roupa, ata alimentación ou artigos básicos. Ademais, os cheques municipais son compatibles con prestacións similares que outorgan outras administracións.

Así, os proxenitores nedenses teñen de prazo para solicitar no Concello este apoio económico “un máximo de tres meses dende que se produza o nacemento, ou que se notifique a resolución xudicial ou administrativa de acollemento ou adopción”.

Ademais, co obxectivo de contribuír a fixar poboación, será requirimento indispensable para percibir o cheque a inscrición no padrón municipal do neno/a, así como que os proxenitores asinen un compromiso de manter o empadroamento de toda a familia en Neda durante un período mínimo de catro anos.

Publicacións Relacionadas