HomePontevedraRedondela forma a cen persoas para facilitar a súa inserción laboral cun...

Redondela forma a cen persoas para facilitar a súa inserción laboral cun Programa Integrado de Emprego

- Anuncio -spot_img

– A alcaldesa animou aos participantes a aproveitar as ferramentas que lles ofrece o programa “para acceder nas mellores condicións ao mercado laboral”. Rivas destacou os bos resultados acadados polo programa o ano pasado, no que 85 persoas acadaron un contrato de traballo.

– No programa, cun ano de duración, participan cen veciños e veciñas de Redondela desempregados que reciben formación, orientación laboral, asesoramento na busca de emprego e prácticas en empresas. Hoxe recibiron unha charla da asesora Carol Juárez, experta en emprendemento.

O auditorio da Xunqueira acolleu esta mañá a presentación do XIII Programa Integrado de Emprego do Concello de Redondela, no que participan un cento de veciños e veciñas desempregados do municipio. O obxectivo do plan é mellorar a formación destas persoas para que se incorporen ao mercado laboral. A alcaldesa, Digna Rivas, participou no acto xunto ao concelleiro de Emprego, Alberto Álvarez, e a responsable do programa Belén Oblanca.

Entre os cen participantes no Programa Integrado de Emprego hai diferentes perfís de persoas desempregadas: menores de 30 anos, maiores de 52, parados de longa duración, persoas con discapacidade, mulleres e persoas en risco de exclusión social, entre outros.

A rexedora deulles a benvida e felicitounos por formar parte deste programa “porque todos e todas tedes un gran potencial e co voso esforzo e a formación que ides recibir será posible acadar o obxectivo de atopar un emprego”. Rivas recoñeceu que “non será doado”, pero amosouse convencida que “con gañas e esforzo será posible”. Como exemplo a alcaldesa lembrou os datos acadados no programa celebrado o ano pasado, no que “se superou amplamente o obxectivo de inserción laboral”. Foron un total de 85 as persoas que acadaron un contrato de traballo en sectores como a industria da automoción, loxística, servizos e comercio.

Os participantes reciben formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo, orientación laboral e tamén poden realizar prácticas en empresas. As accións teñen sempre en conta as demandas do mercado laboral da comarca, así como as características profesionais dos participantes. O programa deste ano inclúe tamén as tecnoloxías emerxentes e a Intelixencia Artificial, que se empregarán para analizar postos de traballo, buscar ofertas de emprego, crear curriculums profesionais ou preparar entrevistas de traballo. O contacto directo co mundo laboral é outra das vantaxes da programación, con visitas guiadas a empresas, xornadas de portas abertas, Masterclass, asistencia a feiras de emprego, etc. Hoxe participaron na charla “Ferramentas de coaching e técncias motivacionais para a busca de emprego” a cargo da asesora Carol Juárez, experta en emprendemento.

O programa, cun orzamento de 256.000 euros, está financiado pola Consellería de Emprego e o Servizo Público de Emprego do Ministerio de Traballo con cofinanciamento do Concello de Redondela.

Publicacións Relacionadas