“Ninguén tira fotos nos enterros”, “Historias vaxeniales”, “Riazor Ostia” en “Artur Ui, o ovo da serpente” son os títulos que verán a luz proximamente no escenario coruñés
O Teatro Rosalía ofrecerá nos primeiros meses do ano catro estreas. A primeira, “Ninguén tira fotos nos enterros”, celebrarase este venres, 16 de xaneiro, ás 20.30 horas. Dirixida, escrita e coprotagonizada por Carlota Mosquera -xunto á actriz Sol Álvarez-, a obra conta a historia dunha familia que celebra no mesmo día unha voda e un enterro. Unha autoficción recreada a través de fotografías tiradas por unha nena de 11 anos que fai da tenrura e o humor os seus vehículos para construír un clima envolvente que interpele ao público de forma directa. O proxecto foi o gañador, no 2024, do primer premio no VII Festival Pezas dun Teatro Porvir.
Seguiralle, o 6 de febreiro ás 20.30, “A historia vaxenial”, de Raquel Nogueira e Iván Marcos. Esta proposta segue o ronsel da exitosa serie web Historias Vageniales, protagonizada tamén por Nogueira e gañadora dun premio Mestre Mateo. Un espectáculo teatral que se atopa a medio camiño entre unha comedia historicista e un evento feminista.
O proxecto recibiu no 2024 o Premio Luisa Villalta a Proxectos pola Igualdade.
O 27 de febreiro ás 20.30 representarase “Riazor Ostia”, un poema visual que parte do tráxico asasinato de Pier Paolo Pasolini para reflexionar acerca de temas políticos e existenciais, establecendo un fío de conexión entre as costas da cidade que viu morrer ao soado artista italiano e as que bañan a cidade da Coruña. Ao día seguinte, 28 de febreiro, haberá outro pase da peza, este incluído dentro da programación do Ciclo Principal de Primavera.
Os días 13 e 14 de marzo, tamén ás 20.30, chegará en exclusiva ao escenario do Rosalía
“Artur Ui, o ovo dá serpe”, do dramaturgo alemán Bertold Brecht, figura clave do teatro do século XX en Europa. A versión estreada é unha adaptación a cargo de Quico Cadaval e Diego Rey que busca a reflexión irónica sobre os tempos presentes usando os códigos doteatro épico tradicional.
Ademais, desde o 23 de xaneiro ata o 6 de xuño se desenvolverá o Ciclo Principal de Primavera, que inclúe tanto propostas clásicas como modernas. As entradas a todas estas funcións poden adquirirse por internet a través de Ataquilla.com. As catro estreas do Rosalía celébranse co impulso do Concello e da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
O Rosalía acadou nesta tempada o seu récord de aboados, 770, con 30 máis que o ano pasado, cando tamén se batera o récord. A promoción do Teatro Rosalía forma parte da estratexia cultural establecida pola alcaldesa, Inés Rey, que este ano destinou tamén fondos no Orzamento 2026 para a renovación da cuberta do recinto.



