HomePontevedraPontón pide a comparecencia de Rueda polo colapso das urxencias e acúsao...

Pontón pide a comparecencia de Rueda polo colapso das urxencias e acúsao de poñer en risco a saúde dxs galegxs

- Anuncio -spot_img

Ten que explicar “se lle parece normal” que a cidadanía teña que pasar “por un calvario” cando enferma e ten que acudir a urxencias, alega

Propostas: plan de choque para reforzar a atención primaria, acabar coa precariedade e o maltrato axs profesionais e convocar todas as vacantes

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou desde Vigo que o BNG vai solicitar a comparecencia do presidente da Xunta no primeiro Pleno do Parlamento para que dea explicacións ante o colapso dos servizos hospitalarios de urxencias do País e o deterioro da atención sanitaria no seu conxunto. 

Pontón alegou que Alfonso Rueda debe explicar tamén a falta de previsión do seu goberno ante o pico da gripe, o deterioro da atención primaria e de todo o sistema sanitario galego e, sobre todo, debe explicar se vai tomar “algunha medida real” para cambiar esta situación ou “se vai seguir instalando na propaganda e na publicidade sen solucionar ningún problema aos galegos e ás galegas”.

Nunha comparecencia diante do hospital Álvaro Cunqueiro, que segundo recalcou ben podería terse producido en calquera outro do País porque “a situación é crítica”, a líder nacionalista denunciou que o PP “está poñendo en risco a saúde” da cidadanía despois de “16 anos de políticas de recortes e privatizacións” que conduciron á situación actual.

Unha grave situación, afondou, que se traduce en “urxencias colapsadas e centos de pacientes amoreados durante días nos corredores dos hospitais” nun colapso que tamén se pode constatar na atención primaria, onde en moitos lugares “hai que agardar máis de tres semanas para poder acudir ao médico ou médica de cabeceira”.

“A pregunta para o señor Rueda é se considera normal que os galegos e as galegas teñan que pasar por todo este calvario cando estean enfermos”, reflexionou, para recalcar a continuación que a denuncia que fai o BNG é a que están realizando tamén os propios coordinadores das urxencias de todos os hospitais galegos.

Profesionais que están advertindo do seu total esgotamento físico e mental ou denunciando como teñen que tratar doentes sen a dignidade e a intimidade que merecen e que alertan de que a situación é “claramente inadmisible” no colapso que se está producindo na atención primaria, enumerou, logo de atribuír ás política do PP o deterioro da calidade asistencial. “Os recortes e as privatizacións do PP teñen un custe que o pagan os galegos e as galegas coa súa saúde”, sintetizou.

“E ante todo isto, onde está o señor Rueda? Que está facendo o señor Rueda ante o colapso que se está producindo nas urxencias e na atención primaria?”, cuestionou ao titular do Executivo, a quen afeou que onte mesmo preferise realizar o “gran anuncio” de “poñer en marcha unha rede de chiringuitos” na costa galega. “Estas son as prioridades do Goberno do Partido Popular”, evidenciou.

Pontón exemplificou o deterioro da sanidade pública galega na área sanitaria de Vigo, que “sofre unha situación moi preocupante” e, por riba, cun hospital, o Álvaro Cunqueiro, que pese a custar 470 millóns de euros máis do previsto, “non ten capacidade para dar resposta ás necesidades que ten a poboación”, recalcou nunha comparecencia precisamente neste centro hospitalario xunto á portavoz parlamentaria de Sanidade, Montserrat Prado, e o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas.  

“Sabemos que non chegamos aquí por casualidade, este é o resultado dunha política de voadura controlada do Partido Popular da nosa sanidade pública para beneficiar clara e descaradamente á sanidade privada”, incidiu a líder nacionalista, quen recordou que nos últimos seis anos incrementouse nun 166% o número de galegos e galegas que ten un seguro privado e que case a metade dos ingresos que se fan nos hospitais privados están sufragados con recursos públicos, grazas a un Goberno do PP que segue incrementando a partida que cada ano deriva á privada.

As medidas propostas polo BNG

A portavoz nacional urxiu a tomar medidas de carácter estrutural, dado que “non se pode permitir que se siga poñendo en risco a saúde dos galegos e das galegas”, e reprochou ao Executivo de Rueda a súa incapacidade para xestionar ben a sanidade pública e para anticiparse aos problemas, como é o caso dos picos de gripe.

“Non sei se é que non pode, se é que non quere ou é unha mestura das dúas, pero o grave é que isto está provocando unha situación que non é admisible, onde temos a centos de persoas agardando para poder ser atendidas ou a centos de persoas amoreadas nos corredores ao non haber camas dispoñibles porque o Partido Popular non fixo a previsión necesaria para evitar esta situación”, recriminou.     

Neste contexto, defendeu as propostas do BNG no ámbito sanitario, a comezar por poñer en marcha un plan de choque para reforzar a atención primaria e co obxectivo último de recuperar canto antes o investimento dos 1.650 millóns de euros recortados polo Goberno do PP entre 2009 e 2025.

“Sabemos que que funcione primaria é básico, porque en moitos casos as urxencias acaban colapsadas porque moitas persoas non reciben a atención que necesitan en tempo e forma, o que fai que as enfermidades agraven e que o último recursos sexan as urxencias”, explicou. “Se funciona ben a primaria, imos ver como o resto do sistema non se resinte dunha forma tan clara”, resumiu.

En segundo lugar, avogou por destinar á atención primaria o 25% de todo o orzamento do Sergas para encarar así un cambio de modelo onde o primeiro nivel asistencial conte cos recursos e profesionais necesarios. Neste sentido, propuxo tamén que se dote de novas especialidades, como por exemplo a de psicoloxía clínica, dado que o 30% das consultas nos centros de saúde teñen que ver coa saúde mental.

Por último, Pontón apostou por rematar coa precariedade e o maltrato aos profesionais do sistema galego de saúde, para os que pediu mellores condicións laborais, o que evitaría o problema de encontrar persoal en moitos servizos que se está producindo actualmente, e convocar todas as prazas que están vacantes na sanidade pública do País.

“En definitiva, desde o BNG denunciamos a situación que está provocando o Partido Popular coa súa política de recortes e privatizacións e, fronte a iso, nós imos defender sempre con uñas e dentes a sanidade pública porque é sinónimo de defender a saúde dos galegos e das galegas”, concluíu.

Publicacións Relacionadas