HomeXunta de GaliciaA Xunta convoca a décima edición das bolsas BEME coa que acadará...

A Xunta convoca a décima edición das bolsas BEME coa que acadará os 2.000 mozos e mozas retornados e reforza a inserción laboral dos beneficiarios

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para o curso 2026-2027, dotada con 2,55 M€ e promovida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Secretaría Xeral da Emigración
  • As 250 novas axudas, que sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención, teñen un importe de entre 8.000 e 12.500 euros, en función da duración do mestrado e o continente de procedencia da persoa beneficiaria
  • O prazo de presentación de solicitudes abre este venres 16 e rematará o 30 de abril
  • Englobada na Estratexia Galicia Retorna, esta acción é chave no plan de captación de talento pola alta cualificación dos bolseiros, a súa diversidade —máis de 40 países— e xuventude —29 anos— e a vontade da gran maioría —un 80%— de traballar en Galicia

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria para o curso 2026-2027 das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior, promovida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Secretaría Xeral da Emigración.

O orzamento, de 2,55 millóns de euros, permitirá a 250 mozos e mozas completar en Galicia a súa formación académica cursando no vindeiro curso académico algún dos máis de 95 mestrados seleccionados polo seu maior potencial de empregabilidade nas tres universidades públicas galegas.

Integrada na Estratexia Galicia Retorna xunto a outros programas como o Retorna Talento FP, esta convocatoria das BEME dá continuidade a unha iniciativa que acadará xa a cifra de 2.000 mozos e mozas retornados a través dun investimento global de máis 15 M€ e absolutamente consolidada como clave dentro do plan de captación de talento do Goberno autonómico. 

Como mostra do impacto das bolsas BEME en Galicia e do capital de talento de alta cualificación que supón para o noso tecido produtivo, a idade media dos bolseiros retornados é de 29 anos, proceden de máis de 40 países —entre os que destaca A Arxentina, Venezuela, O Uruguai, O Brasil e O Reino Unido—, e arredor dun 80 % teñen a vontade de quedar en Galicia tras finalizar os seus mestrados co obxectivo de incorporarse ao mercado laboral por conta allea ou a través do emprendemento. 

Por iso, e co gallo de consolidar o seu grao de inserción laboral, a Xunta potenciará o ano que vén o asesoramento e titorización específicos ao abeiro das bolsas concedidas. Ademais, cómpre destacar outros incentivos novidosos destinados a facilitar a súa incorporación a empresas galegas como os que incluirá o programa Galicia Suma Talento: Emprégate. Por primeira vez nunha iniciativa deste tipo, a axuda ao centro de traballo que contrata poderase aumentar nun 25 % no caso de que a persoa que se incorpore de xeito indefinido superase os estudos vinculados ás bolsas BEME nos dous anos previos.  

Detalles da convocatoria 2026/2027

A nova edición das bolsas BEME, que se volverá convocar en réxime de concorrencia competitiva, destínase a mozas e mozos galegos universitarios residentes fóra da nosa Comunidade desde fai máis de dous anos, a persoas que residiran en Galicia de forma continuada durante cinco anos —con nacionalidade española antes de emigrar— ou a descendentes de galegas e galegos con titulación superior que desexen realizar un mestrado nalgún dos sete campus das tres universidades públicas galegas. 

Os máis de 95 mestrados incluídos na convocatoria —pertencentes ás áreas de arte e humanidades, ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura— foron seleccionados pola súa maior capacidade de colocación no tecido produtivo galego, co foco posto en sectores estratéxicos. As bolsas —que varían entre os 8.000 e os 12.500 euros dependendo da rexión de procedencia e do número de créditos a realizar— cobre os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento ou manutención en Galicia.  

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260115/AnuncioG0767-181225-0002_gl.html

Publicacións Relacionadas