Os nacionalistas defenderán unha moción no vindeiro Pleno ordinario para que se aprobe unha modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto de Bens Inmobles, de xeito que contemple estas reducións parciais, para vivendas habituais cuxa persoa propietaria sexa menor de 40 anos e para os inmobles en disposición de poderen ser alugados os 12 meses do ano e non só en temporada estival
O concelleiro e responsable local, Adrián González, advirte da problemática da situación actual, cun volume de segundas residencias excesivo, que repercute na despoboación invernal
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo proporá ao Pleno da Corporación, na sesión ordinaria do vindeiro 26 de xaneiro, a aplicación dunha bonificación parcial do 30%, durante un período inicial de cinco anos (prorrogable), na cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para aquelas vivendas que sexan residencia habitual e a persoa titular da propiedade sexa menor de 40 anos na data de devengo do imposto.
Esta iniciativa será presentada a través dunha moción que tamén busca consolidar unha bonificación parcial, tamén do 30% no mesmo período, deste imposto para os inmobles que se poñan a disposición en alugueiro durante todo o ano e non só estacional, sempre e cando o contrato se formalice por un período mínimo de 3 anos. En ambos casos, deberá acreditarse o empadroamento do arrendatario ou arrendataria na vivenda como residencia habitual.
Con esta modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI, o que se conseguirá sería, por unha banda, garantir unha maior oferta de aluguer para todo o ano, algo que a día de hoxe é un dos grandes déficits que presenta Sanxenxo. Por outro lado, tamén se busca
consolidar un asentamento regular de poboación durante os doce meses do ano. Tal e como lembra o concelleiro e responsable local do Bloque, Adrián González, “o municipio conta cun altísimo número de segundas vivendas, chegando a preto de 55.000 prazas, que en zonas máis turísticas chega ao 50% do total, o que deriva nunha falta de asentamento de pobación estable, especialmente entre as familias e a xente moza, así como o encarecemento do aceso á vivenda habitual”.
A día de hoxe, recordan os nacionalistas, a ausencia de oferta de aluguer máis alá do verán está a provocar unha preocupante despoboación invernal, o que se traduce na perda de vitalidade comunitaria e tamén na falta de man de obra na tempada estival. É por isto polo que desde o BNG apostan pola aplicación de bonificacións do IBI para paliar esta situación, algo que xa están a aplicar noutros concellos da contorna. A moción establece tamén que estas bonificación estean condicionadas ao cumprimento dos requisitos establecidos na ordenanza, coa obriga de presentar toda a documentación xustificativa, como o propio contrato de alugueiro ou o certificado de empadroamento. A maiores, a proposta inclúe a opción de revisións anuais, co obxectivo de evitar abusos ou usos fraudulentos. Entre os acordos aos que o BNG quere chegar a través desta moción tamén figura que o Goberno local informe ao Pleno sobre a viabilidade económica da proposta, nun prazo máximo de tres meses, e proceda á tramitación da modificación correspondente.



