Esixe transparencia e criterios obxectivos para que o Goberno de Caballero deixe de utilizar os recursos do Concello para “castigar a aqueles colectivos que discrepan”
Pide corrixir as demoras de anos anteriores que “supoñen estrangular economicamente” a asociacións que “cubren carencias e necesidades que non atende o propio Concello”
Xabier P. Igrexas: “O Concello non pode actuar como un obstáculo para o tecido asociativo, senón que ten a responsabilidade de acompañalo, apoialo e facilitalo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama que se anticipen ao primeiro trimestre do ano todas as convocatorias de subvencións do Concello de Vigo destinadas a asociacións e entidades sen ánimo de lucro. A fronte nacionalista esixe ademais transparencia e criterios obxectivos na tramitación para que o Goberno de Abel Caballero “deixe de utilizar estes recursos municipais para castigar a aqueles colectivos que discrepan”.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou que van trasladar esta demanda na Comisión Informativa de Orzamentos, convocada para este vindeiro luns, diante das demoras rexistradas nos pasados anos. Uns atrasos que, advertiu, supoñen “estrangular economicamente” a entidades e colectivos que desenvolven un “inmenso labor” de interese público do que se beneficia o conxunto da veciñanza da cidade, en ámbitos como o veciñal, o cultural e o deportivo.
Igrexas defendeu a necesidade de axilizar estas axudas para que evitar que se “paralicen ou desaparezan” actividades que desenvolve o tecido asociativo que, destacou, se realizan grazas á “achega xenerosa de persoas voluntarias que traballan de maneira gratuíta para atender carencias e necesidades que non cobre o propio Concello”.
Incerteza no tecido asociativo
Tachou de “inaceptábel” que cada ano as subvencións “se convoquen tarde, se tramiten con demora e se paguen aínda con máis atraso”, xerando incerteza nos colectivos sen ánimo de lucro, cando o Concello presume cada trimestre de pagar en poucos días aos provedores privados.
“O Concello non pode actuar como un obstáculo para o tecido asociativo, senón que ten a responsabilidade de acompañalo, apoialo e facilitalo”, asegurou o portavoz municipal do Bloque, lembrando que o Concello dispón dos orzamentos máis elevados da súa historia. “É inxustificábel que a incapacidade de xestión dun Goberno que vive instalado na propaganda acabe por afogar economicamente a estas entidades”,.
Uso discrecional dos recursos
Dende a fronte nacionalista esixiron ademais que se adxudiquen estas axudas con “criterios obxectivos e transparentes” fronte ao que consideran un uso discrecional por parte do Goberno de Abel Caballero. “Non se poden utilizar os recursos públicos do Concello para castigar a aquelas entidades que se atreven a discrepar das súas políticas, ou que simplemente exercen o seu papel como ferramentas para a participación cidadá expresando reivindicacións en favor da cidadanía”, acusou.
Igrexas valorou como unha “medida básica de boa xestión” que se anticipen as convocatorias para achegar “estabilidade e seguridade” ás asociacións. “Falamos de planificación, de responsabilidade institucional e de respecto polo traballo do tecido social da cidade”, afirmou. “O único que se precisa para facelo posíbel é que o Goberno municipal exerza como tal, asumindo as súas funcións con seriedade e rigor, e deixe de entender o Concello como unha mera plataforma de autobombo e propaganda permanente”, remachou.



