Trátase dunha medida para seguir avanzando na consecución do selo Mercado Excelente
O Concello de Ribeira informa da adxudicación do contrato para os servizos de diagnose de situación e usos do mercado municipal e formación mentoring para os praceiros que, ademais, posibilita avanzar no camiño cara a conseguir o selo de Mercado Excelente. Trátase dunha actuación financiada ao 80% a través dunha subvención concedida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, mentres que o restante será aportado por fondos propios.
A diagnose permitirá obter unha radiografía precisa do estado actual do mercado, facilitando a toma de decisións informadas para a súa modernización e optimización. Tamén servirá como base para deseñar un plan de acción personalizado que responda ás características específicas do mercado, aliñando os investimentos coas necesidades reais de comerciantes e usuarios. A maiores, é fundamental para asegurar a sustentabilidade e relevancia da praza de abastos nun contorno comercial cada vez máis competitivo e cambiante.
En canto á formación, permitirá comezar a traballar cos praceiros/as no aumento da calidade do servizo. O obxectivo será consolidar e promover as vendas dos postos da praza de abastos, á par que aumentar a calidade do proceso compra-venda e mellora da atención ao cliente; así coma a mellora da colocación dos produtos e a súa situación hixiénico-sanitaria. Trataranse temas relacionados co marketing, merchandising, rendibilidade do punto de venda, atención ao cliente, calidade e condicións hixiénico sanitarias…
Presentáronse un total de dúas empresas, resultando a mellor oferta a de Crea e Innova Asociadas, S.L., por un importe de 13.128,50 euros, IVE incluído. O prazo máximo de duración do contrato será de oito meses a contar dende a adxudicación do mesmo.



