HomePontevedraCaldasO PSOE denuncia que o alcalde secuestra o debate plenario para tapar...

O PSOE denuncia que o alcalde secuestra o debate plenario para tapar o desastre económico

- Anuncio -spot_img

Alberto García acúsao de excluir deliberadamente a moción sobre a situación orzamentaria: “Desde 1979 é a primeira vez que se censura a un grupo político”

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Alberto García, acusou ao alcalde de Catoira de exercer un autoritarismo impropio dunha democracia local, ao impedir de maneira consciente e calculada o debate da moción socialista sobre a situación económica do Concello. Para García, o comportamento do alcalde non é só unha falta de transparencia: é unha vulneración flagrante dos dereitos democráticos da corporación e da cidadanía.

O portavoz socialista lembrou que o alcalde está legalmente obrigado —e así o esixe o Ministerio de Facenda— a levar ao pleno a modificación orzamentaria necesaria para regularizar o déficit municipal: 113.778 euros do ano 2023 e 359.341 euros do 2024, sumando un total de 473.119,43 euros que deberán ser recortados das partidas municipais. “O alcalde pretende agochar á veciñanza onde vai meter o coitelo”, advertiu García.

Para o PSOE, o sucedido no último pleno é gravísimo e sen precedentes desde 1979: o alcalde censurou deliberadamente unha moción rexistrada en prazo, impedindo que se debatera e privando á cidadanía do seu dereito a coñecer a verdade sobre as contas municipais. “É un ataque directo á democracia local e unha mostra máis do seu desprezo pola transparencia”, denunciou García.

Este episodio encaixa nunha deriva xa coñecida do goberno de Castaño, marcada pola opacidade sistemática e a ocultación de información pública. A situación é tan extrema que Alberto García tivo que recorrer novamente á Valedora do Pobo, ante máis dunha quincena de solicitudes de información ignoradas polo alcalde.

Ademais, o portavoz socialista trasladou ao Consejo de Transparencia y Buen Gobierno a súa preocupación pola “opacidade económica insoportable” do Concello de Catoira, solicitando que declare formalmente o incumprimento das obrigas de publicidade activa e que obrigue ao alcalde a publicar de inmediato a liquidación do orzamento de

2024 e a Conta Xeral, con todos os seus anexos e accesibles sen identificación previa.

García anima á veciñanza a acudir ao Concello antes do 25 de xaneiro para consultar a Conta Xeral e comprobar por si mesma a situación real das finanzas municipais.

Finalmente, advertiu que a política económica do actual goberno local está levando Catoira a unha situación límite, que rematará nunha intervención do Ministerio de Facenda e nunha nova suba de impostos e taxas municipais. “O alcalde está xogando coa estabilidade económica de Catoira e co peto da súa xente”, concluíu.

Publicacións Relacionadas