HomePontevedraO BNG pide revisar o Plan de Mobilidade de Vigo para avanzar...

O BNG pide revisar o Plan de Mobilidade de Vigo para avanzar cara a unha cidade menos ruidosa e contaminante

- Anuncio -spot_img

Case a metade dos desprazamentos diarios continúan a realizarse en coche ou moto, duplicando o uso do transporte colectivo, tras doce anos da aprobación do PMUS

O Bloque demanda avaliar o grao de execución do documento, sen actualizar dende 2020

Xabier P. Igrexas: “É momento de que o PMUS deixe de ser un extenso tomo de papel mollado para avanzar cara a unha cidade na que vivir e convivir, e non só transitar”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de demandar este venres unha revisión do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) de Vigo. A fronte nacionalista reclama un estudo de avaliación do documento, elaborado en 2014 e actualizado por última vez en 2020, diante da “falla de avances” do Goberno local nesta materia e chama a despregar alternativas para unha cidade menos ruidosa, saturada e contaminante.

“Doce anos despois da posta en marcha deste Plan, o certo é que non se perciben grandes transformacións no que ten a ver coa mobilidade”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “É momento de que o PMUS deixe de ser un extenso tomo de papel mollado para avanzar cara a unha cidade na que vivir e convivir, e non só transitar”, defendeu.

Dende o Bloque alertaron de que Vigo continúa a ser a cidade con maior número de vehículos per cápita de toda a península ibérica e rexistra cada día máis de 300.000 desprazamentos, con arredor de 90.000 coches accedendo dende outros concellos. Un volume de tráfico que, advirten as nacionalistas, se traduce en niveis de ruído “insoportábeis”, por riba dos recomendados pola Organización Mundial da Saúde, para 2 de cada 3 viguesas e viguesas.

E tamén nunha “elevada” contaminación atmosférica, con niveis de entre 600 e 740.000 toneladas de CO2 cada ano e coa presenza no aire de partículas potencialmente tóxicas para a saúde humana. Aliás, sinalan as taxas de sinistralidade viaria, con máis de 2.000 accidentes de tráfico cada ano e cunha cifra “moi preocupante” de atropelos.

Os desprazamentos privados duplican o transporte colectivo

O portavoz municipal do BNG salientou que case a metade dos desprazamentos diarios en Vigo continúan a realizarse en coche ou moto, unha cuestión que considerou a evidencia da “falla de avances” após doce anos da aprobación do PMUS. Uns desprazamentos en vehículo privado que duplican o uso do transporte público colectivo, e que superan con moita distancia os realizados a pé, en bicicleta ou en vehículos de mobilidade persoal.

Por estes motivos, a fronte nacionalista insiste na necesidade de revisar o documento, tras seis anos sen actualizar, avalíando o grao de execución das medidas que se deseñaron, para despregar alternativas ao uso do coche. Unha medida que, apuntan, debe ser a base para redefinir as Zonas de Baixas Emisións (ZBE) aprobada polo Goberno local. “O modelo de Abel Caballero de perímetros e multas quedou demostrado noutras urbes que é ineficaz e inxusto”.

Igrexas chamou a PSOE e PP a reconsiderar o seu rexeitamento ao proxecto presentando polo Bloque, a través dunha moción no Pleno de decembro, para implantar unhas ZBE que se centren en ofrecer alternativas ao uso do coche particular na cidade, en lugar de sancións a quen non poida adquirir un vehículo eléctrico ou híbrido. “Non podemos perder esta oportunidade para apostarmos por un novo modelo de mobilidade que avance cara a un Vigo máis habitábel, máis saudábel e máis xusto”, defendeu.

Publicacións Relacionadas