- A estadía será de 6 días e 5 noites mediante os cales as alumnas e alumnos asistirán a clases de inglés e vivirán con familias da cidade de Athlone
- Unha actividade onde o concello de Soutomaior sufragará, canto menos, o 50% dos custes desta viaxe por alumna e alumno.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Xuventude, Rosana Martínez Boullosa, presentaron nesta xornada o programa a Irlanda “Ministays en inglés Soutomaior 2026” á cidade Athlone dende o 29 de abril ao 4 de maio deste 2026 para o alumnado de 4º da ESO do IES Soutomaior.
A estadía será de 6 días e 5 noites mediante os cales as alumnas e alumnos asistirán a clases de inglés e vivirán con familias da cidade de Athlone. Trátase dun programa de inmersión lingüística que lle permitirá ao alumnado entrar en contacto directo co idioma e a cultura de Irlanda.
Unha actividade onde o concello de Soutomaior sufragará, canto menos, o 50% dos custes deste programa por alumno e alumna empadroada no concello. Cantidade que, en función da renda e das circunstancias sociais e familiares, podería acadar o 75% do custe da estadía por alumna ou alumno.
Deste xeito, o concello de Soutomaior, adicou unha partida de 25 mil euros para este programa en Irlanda que inclúe os gastos de aloxamento e manutención e diferentes actividades culturais como a visita a Dublín ou a Galway.
O alcalde, Manu Lourenzo, dixo nesta xornada que “a posibilidade de facer estadías nestes países son oportunidades únicas para que o alumnado poida aprender inglés e coñecer outros países e tecer lazos co alumnado e familias de Irlanda e tamén para que poidan aprender inglés e verse en contextos de empregar este idioma. Eu tiven a oportunidade de facer unha destas estadías e foi algo moi positivo. O que queremos dende o Goberno de Soutomaior é que o alumnado do concello poida desfrutar deste programa con independencia da súa situación económica”.



