Santiago Freire lembra que o seu equipo de Goberno xa tiña encamiñado un proxecto para construír un centro de día na Chaínza, así como un convenio para que atender ás persoas maiores de Noia mentres non se habilitaban as instalacións
O voceiro e presidente local do PP de Noia, Santiago Freire, asegura que o alcalde e o PSdeG-PSOE tratan de atrasar a construción do centro de día para así culpabilizar á Xunta de Galicia da súa propia incapacidade. Freire Abeijón lembra que “nós tiñamos encamiñado un proxecto para facer un centro de día na Chaínza, a carón do novo albergue de peregrinos. Unha iniciativa que contemplaba unha achega municipal e que ía ser cofinanciado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, pero o PSOE e a Marea decidiron botalo todo atrás e comezar de novo todo o procedemento”.
Para o voceiro e presidente local do PP de Noia o anuncio de que o PSdeG-PSOE vai presentar unha pregunta no Parlamento para reclamarlle á Xunta a construción dun centro de día en Noia non é máis ca unha cortina de fume para tratar de xustificar a renuncia do Concello de Noia á construción dunha instalación fundamental para a atención das persoas maiores da localidade e tratar de culpabilizar á Xunta de Galicia da incapacidade do Goberno Local de facer o seu traballo en tempo e forma.
Neste sentido, Santiago Freire lembra que “incluso o meu Goberno xa tiña xestionado un convenio de colaboración para que, mentres duraran as obras de construción do centro de día de Noia, as persoas maiores da nosa localidade puideran facer uso do centro de día de Lousame, a apenas 2 km do centro da vila e cun servizo de transporte adaptado. Porén, nin o PSOE nin a Marea de Noia deron contestación a ese convenio, que deben ter gardado nun caixón dende a moción de censura”.



