HomeA CoruñaComezan as obras de construción da nova área de lecer no barrio...

Comezan as obras de construción da nova área de lecer no barrio de Someso

- Anuncio -spot_img

O Concello ultima os trámites previos á creación da área de esparexemento que se habilitará a carón da rúa Lamelas, entre o CIFP Someso e o centro comercial Espacio Coruña

Nos vindeiros días, o Concello porá en marcha as obras de construción da nova área de esparexemento que se habilitará en Someso, unha intervención que suporá un investimento de máis de 100.000 euros e que está incluída polo Goberno de Inés Rey nesta primeira fase do Plan de Barrios 2025-27.

Os traballos, adxudicados á empresa Jardinería Arce, levaranse a cabo a carón da rúa Lamelas, aproveitando unha superficie baleira de máis dun milleiro de metros cadrados que se atopa entre o CIFP Someso e o centro comercial Espacio Coruña.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, indicou que o obxectivo do Executivo local é “recuperar un espazo en desuso e acondicionalo para dotar a Someso dunha área verde e de lecer que dé resposta ás necesidades da veciñanza”. O proxecto, redactado polo arquitecto Óscar Valcuende, prevé actuacións integrais de pavimentación, instalación de mobiliario urbano, xardinería e a creación dunha rede de subministro de auga potable que dé abastecemento á fonte prevista na zona. Ademais, tamén se delimitará unha área de xogos infantís, onde se disporán columpios e diversos xogos pintados sobre o chan, como unha mariola.

Este luns asinouse a acta de replanteo, paso previo aos traballos sobre o terreo Noemí Díaz informou hoxe de que o Concello está a ultimar os trámites previos ao inicio das obras no soar de Lamelas. Neste sentido, este luns asinouse a acta de replanteo correspondente á actuación, paso habitual nestes casos.

“Se todo vai segundo o previsto, ao longo desta semana xa serán visibles os valados perimetrais que acoutan a zona de obras e tamén se colocarán xa as casetas e carteis informativos”, indicou a edil.

Publicacións Relacionadas